gremio

gremio

(< lat gremĭu)

  1. s m [HIST]

    Corporación profesional de artesáns, obrigatoria, exclusiva e privilexiada, recoñecida oficialmente polos poderes públicos, municipais ou reais. Foi un elemento característico da sociedade estamental desde o s XIII ata o s XIX, baixo unha pluralidade de formas e de terminoloxía (oficios, colexios, confrarías, artes, etc), foi un fenómeno esencialmente urbano. Relacionado co desenvolvemento da autonomía municipal e a revitalización da artesanía e do comercio, baseábase na comunidade do traballo e nos factores relixiosos e asistenciais. Estaban integrados por mestres, oficiais e aprendices. O seu goberno era colexiado, o cabido ou reunión dos seus membros elixía a un ou dous mordomos como cabeza visible da organización. Rexíanse por medio de ordenanzas, promulgadas polo cabido. As ordenanzas avanzaron cara á lexislación técnica e o control do traballo e da produción. Os gremios tiñan unha forte vinculación social e política pois formaban a base de participación dos artesáns nos gobernos municipais. As dificultades económicas do s XVII prexudicaron gravemente a ordenación gremial do traballo a favor dunha certa concentración capitalista. Durante o s XVIII e a primeira metade do s XIX, os gremios experimentaron un período de decadencia. Os diferentes estados da Ilustración seguiron unha política de supresión progresiva dos privilexios gremiais, que culminou co establecemento dos réximes liberais. A política de reformas de Carlos III e de Carlos IV foi superada polos decretos de 1813, definitivamente implantados en 1836, que proclamaban a liberdade de industria e de traballo. En Galicia, a época de maior apoxeo dos gremios foron os ss XV e XVI.

  2. s m [DER]

    Asociación que agrupa empresarios ou industriais dunha mesma rama ou profesión. No ámbito fiscal, ten capacidade para establecer concertos coa administración.

Palabras veciñas

grelón | gremial | gremialismo | gremio | Gremnos, Tell de | grena | greña