Grial

Grial
[PUBLIC]

Revista de cultura e pensamento publicada trimestralmente pola Editorial Galaxia en Vigo a partir de 1963. Subtitulouse “Revista galega de cultura”. Dirixírona inicialmente Ramón Piñeiro e F. Fernández del Riego. O seu consello de redacción estaba conformado por destacados intelectuais, como R. Carballo Calero e Basilio Losada. En 1966 (nº 13) a censura franquista impuxo o nomeamento dun novo director, o xornalista Ánxel Sevillano, quen foi substituído en 1973 (nº 39) por Xosé Landeira Yrago. Malia que nun principio era bilingüe, a partir de 1976 editouse só en lingua galega. Desde o seu inicio ata 1988 (nº 100) mantívose practicamente inalterable a estrutura da redacción e da propia revista. Contaba coas seccións “Ensaios”, onde se incluíron artigos de historia, crítica literaria, filosofía, lingüística, economía, etc; no apartado de “Escolma” inseríronse traballos inéditos en lingua galega; en “Peneira dos días” apareceron artigos de carácter breve, mentres que na parte de “Libros” se realizaban recensións dos títulos que ían saíndo ao mercado. Ademais, co mesmo selo editáronse diversos monográficos de destacados escritores galegos como a “Homenaxe a Castelao” (nº 47), de 1975, ou a “Homenaxe a Otero Pedrayo” (nº 52), de 1976. En 1989 (nº 101) comezou unha segunda etapa dirixida por Carlos Casares, en que desapareceron os apartados de creación e actualidade, para consolidarse como unha revista de pensamento e crítica. Nesa época, cada unha das áreas temáticas contou con cadanseu coordinador. En outubro de 2002, co nomeamento do novo director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, abriuse unha terceira etapa desta publicación.