gripe

gripe

(< fr grippe)

s f [PAT]

Enfermidade infecciosa aguda con manifestacións variadas. Entre os seus síntomas destacan a febre, a dor de cabeza, as dores musculares e articulares, a astenia, as mialxias e a afección das vías respiratorias. O axente causal da enfermidade é o virus da gripe ou virus influenza, que pertence aos mixovirus e do que se coñecen tres tipos antixénicos, A, B, e C. O tipo A causa epidemias importantes cada dous ou tres anos; iso débese á súa gran capacidade de mutación antixénica, que permite a aparición periódica dun novo subtipo; o tipo B produce unha gripe máis benigna ca a anterior; e o tipo C, unha pouco frecuente e máis leve. Aínda que en xeral ten carácter benigno, nos nenos, nos vellos ou nos debilitados por enfermidades crónicas existe o perigo dunha complicación posterior que ás veces dá lugar a pneumonía. Non ten tratamento específico, pero é posible unha profilaxe mediante unha vacina que ten en conta as novas mutacións do virus no momento en que estas aparecen. A maior epidemia de gripe que se coñece tivo lugar no ano 1918 que ocasionou millóns de víctimas en todo o mundo.

Sinónimos

Palabras veciñas

griotte* | gripal | gripallada | gripe | gripo | gris | Gris, Juan