Grove, O

Grove, O


Concello da comarca do Salnés, situado na provincia de Pontevedra no O da Comunidade Autónoma de Galicia, que ocupa a totalidade da península homónima. Limita ao N e ao O co Océano Atlántico, ao L coa ría de Arousa, ao S co concello de Sanxenxo. Abrangue unha superficie de 21,9 km 2 cunha poboación de 11.226 h (2007), distribuída entre as parroquias do Grove e San Vicente do Grove. A capital municipal é a vila do Grove, situada a 42° 29’ de latitude N e 8° 51’ lonxitude O, 78 km ao S de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Cambados e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O Grove atópase baixo o dominio climático oceánico húmido, con tendencia á aridez estival. As temperaturas son suaves ao longo do todo o ano: agás xaneiro e febreiro, todos os meses superan a media dos 10°C. A temperatura media anual é de 14,6°C. O mes máis frío é xaneiro con 8,5°C de media, mentres que o máis cálido é xullo con 21°C. A oscilación térmica é de 12,5°C, un valor reducido, consecuencia do seu carácter marítimo. As precipitacións son das máis baixas do litoral de Galicia, 1.177 mm anuais, por mor da prolongada seca estival derivada da localización de abrigo da maior parte da península do Grove. Entre novembro e marzo, recóllese o 58,8% das precipitacións anuais, e despois presenta un déficit hídrico estival acusado, superior aos 100 mm, desde xuño ata setembro. A península do Grove constitúe o extremo occidental do batolito granítico de Caldas, orixinado ao final da Era Primaria. A morfoloxía do concello artéllase a partir de dous domos graníticos: un ao L que alcanza os 167 m de altitude, o Con de Loureiro, e outro ao O de 95 m de altitude, o Con da Xarda. Ambos están unidos por unha pequena superficie plana e máis baixa. Ao seu redor e ao Seu pé, desenvólvese a plataforma costeira. Depósitos cuaternarios cobren parcialmente o macizo rochoso, sobre todo nas ribeiras; un tómbolo, o istmo da Lanzada, úneo coa península do Salnés: trátase dunha lingua areosa de 2 km de longo e 500 m de largo no seu centro, produto da acción mariña e dos ventos do SO, que facilitaron a formación dun cordón dunar. A morfoloxía costeira caracterízase pola sucesión de áreas de rocha e de continuas praias ao longo dos 41,5 km de costa. No seu litoral pódese observar un corolario de pequenas illas e illotes, entre as que destaca a illa da Toxa de 1,5 km 2 de superficie, ligada a terra por unha ponte. A rede hidrográfica é de moi escasa importancia, formada por pequenos regos, de curto percorrido e escaso caudal. Na vexetación predominan as plantacións de piñeiros e as áreas de matogueira. O concello conta cun singular espazo natural: o Complexo Intermareal Umia-O Grove, área de marismas situada entre a península do Grove e o istmo da Lanzada, no sector SO da ría de Arousa. Os fondos limoso-areosos destas marismas quedan expostos ao Sol durante moitas horas, ata as dúas terceiras partes do ano, a causa da pouca profundidade do conxunto. Este feito condiciona que as augas sexan tranquilas e fai do conxunto un ecosistema pechado de difícil equilibrio.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada polo concello do Grove ao longo do s XX levouno a case triplicar a súa poboación, pois pasou de 3.969 h en 1900 a 11.226 h en 2001, cun incremento do 100% que foi constante durante todo o período, aínda que rexistrou fases de maior e menor intensidade. Entre 1900 e 1930, e malia a grande incidencia da emigración cara a América, produciuse un incremento a un ritmo uniforme, produto dun forte crecemento vexetativo propiciado pola elevada taxa de natalidade. O mantemento do comportamento vexetativo neses parámetros e a interrupción da corrente emigratoria por mor da crise económica internacional provocaron que entre 1930 e 1940 se pasase de 5.888 h a 6.823 h. Despois, ata a década de 1970 recuperouse un ritmo de crecemento máis moderado, mantido polo crecemento natural favorable derivado dunha natalidade forte, aínda que en descenso, e unha mortalidade á baixa. A recuperación da corrente emigratoria, dirixida principalmente cara aos países industrializados europeos, impediu que o aumento fora maior. Desde mediados da década de 1970, nunha nova conxuntura de crise económica xeral, a emigración ao exterior cesou e O Grove pasou a ser un territorio receptor de inmigrantes. De 8.537 h en 1970 pasou a 9.917 no ano 1981, debido á oferta de traballo derivada da puxanza do sector turístico. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-0,1‰), a natalidade e a mortalidade mostran cifras semellantes: 9,3‰ e 9,4‰. Froito desta evolución é unha estrutura por idades en que os menores de 20 anos constitúen o 19,2% da poboación, mentres que os maiores de 65 anos representan o 17,3%; o grupo intermedio representa 0 63,6%. A distribución por sexos amosa un lixeiro desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 50,57% da poboación fronte ao 49,43% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello do Grove é do 62,7% (70% a masculina e 55,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 52,3% (60,9% a masculina e 44% a feminina) e a taxa de paro é do 16,7% (13% a masculina e 21,1% a feminina). A distribución sectorial da poboación activa reflicte a importancia do sector terciario que ocupa o 50,4% da poboación activa. O secundario emprega o 32,3% e o sector primario o 17,4%. Dentro do sector primario destacan as pesqueiras como as principais actividades (16,2%, por enriba dunha agricultura dedicada ao autoconsumo e dunha escasa gandaría (1,2%). A ría de Arousa ten unhas condicións naturais excepcionais para a pesca litoral pola disposición costeira abrigada, a riqueza do plancto e a gran variedade de especies. Estes recursos permiten tanto o desenvolvemento da acuicultura como as capturas na ría e os seus fondos. O cultivo de moluscos lévase a cabo en bateas. A principal especie cultivada é o mexillón, pero tamén se cultiva ameixa, zamburiña e vieira e péscanse nécoras e centolas. O concello conta cos portos pesqueiros do Grove e Pedras Negras (que tamén é un porto deportivo), en que están censadas máis de medio millerio de embarcacións pesqueiras, que desembarcan case mil toneladas de peixe ao ano. Esta actividade favoreceu o desenvolvemento da industria conserveira e de conxelación. O 21,3% da poboación ocupada traballa na industria. O principal sector de actividade do Grove son os servizos e o comercio, sostido polo auxe do turismo. O desenvolvemento turístico deste enclave ten a súa orixe a mediados do s XIX cando se construíu na illa, a raíz do descubrimento de augas e barro medicinais na Toxa, un balneario especialmente indicado para as afeccións da pel. A oferta da Toxa ampliouse coa construción de instalacións deportivas (campo de golf), de lecer (casino de xogo), e coa promoción de actividades gastronómicas. Á parte da súa función turística, a vila do Grove constitúe un subcentro comarcal que atende as necesidades primarias dos habitantes do concello, pero funcional e comercialmente está moi vencellado ás vilas de Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa. A principal vía de comunicación é a estrada PO-316.
Historia
Os restos arqueolóxicos máis antigos achados son os castros de Siradella e Punta Castriño, as necrópoles tardorromanas de Cantodorxo e Adro Vello. As primeiras referencias documentais datan do 844, cando o conde Pedro fíxolle fronte aos normandos. Entre os ss X-XI sucedéronse as incursións de piratas dinamarqueses. As terras do Grove estiveron vinculadas desde o s X ata o s XIX ao arcebispado de Santiago. No Antigo Réxime pertenceron á xurisdición da Lanzada. A finais do s XVIII produciuse a chegada de numerosos comerciantes cataláns, que introduciron novas artes pesqueiras e sentaron as bases para o desenvolvemento industrial e potenciaron, tralo descubrimento das propiedades curativas das augas da Toxa, a construción e explotación do balneario. Coa promulgación da Constitución de 1812, a península do Grove constituíuse en concello. En 1822 pasou a integrarse na provincia de Vigo; sen embargo, a derrogación da Constitución decretada polo Rei Fernando VII en 1823, restaurou o Antigo Réxime e con el o señorío do arcebispo compostelán. O definitivo restablecemento do municipio produciuse en 1835.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, na arquitectura relixiosa destacan as capelas de San Sebastián (A Toxa) e de San Roque (O Grove) e as igrexas de San Martiño (s XVI) e San Vicente (s XVIII). Na arquitectura civil sobresaen o edificio do Gran Hotel Balneario da Toxa (1899-1907) e a ponte da Toxa (s XX). Na arquitectura hai que salientar os cruceiros do Espadenal (San Vicente) e da igrexa de San Vicente e o hórreo dos Quinteiros. Do seu patrimonio cultural destaca o Complexo Ons-O Grove, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Destaca tamén o espazo cultural do Acuario do Grove. Entre as festas do concello atópanse no Grove as de San Roque e a gastronómica Festa do Marisco, declarada de Interese Turístico Nacional, xunto á que se celebra o Certame Internacional de Escultura.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Salnés, O
Extensión 21 Km2
Poboación Total 11226 h
Poboación Homes 5549 h
Poboación Mulleres 5677 h
Densidade de poboación 534.57 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias