Guadalupe
Antropónimo feminino que ten a súa orixe no topónimo árabe Wadi al-lub ‘río agochado’, ‘río do lobo’. Presenta o hipocorístico Lupe. Segundo unha lenda medieval, foi san Lucas o autor da imaxe da Virxe de Guadalupe de Extremadura; despois levaríase a Roma e chegaría a Sevilla como regalo do Papa Gregorio Magno a san Leandro. Coa invasión musulmana, uns cregos sevillanos fuxidos agocharon a talla na serra estremeña, xunto ao río Guadalupe. No s XIII atopouna un pastor chamado Gil Cordero. Posteriormente, a devoción pasou a México, onde se lle apareceu ao indio Juan Diego (1531) no cerro do Tepeyac. Deste xeito, naceu o cristianismo mexicano, e a Virxe de Guadalupe volveuse estandarte e guía das guerras de independencia e dos movementos revolucionarios. É unha virxe negra románica, labrada en madeira de cedro de finais do s XII, co Neno Xesús no colo. Nosa Señora de Guadalupe é patroa de Rianxo, onde se celebra o domingo seguinte ao 8 de setembro e de Codeseda (A Estrada) o 1 de setembro.