guaraní

guaraní

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos guaranís, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo do pobo guaraní.

  3. s m pl [ETN/HIST]

    Pobo amerindio que no momento do descubrimento de América ocupaba a costa atlántica, e que, polo interior, se estendía ata os ríos Paraná, Uruguay e Paraguay. Dedicábanse á caza e á recolección. Organizábanse ao redor de familias extensas, que se consideraban descendentes dun antepasado común, e tiñan un xefe que se ocupaba de dirixilos na guerra e de arbitrar as familias cando tiñan conflitos entre elas. As familias extensas agrupábanse en aldeas, que eran as maiores unidades sociais. No s XVI foron sometidos pola monarquía hispánica ao réxime da encomenda, ou ben ao de reducións, que os xesuítas instalaron en Paraguay, S de Brasil e no N de Arxentina.

  4. s m [LING]

    Lingua do phylum amerindio da rama ecuatorial da familia tupí-guaraní falada polos guaranís de Paraguay, aínda que tamén se fala en zonas de Bolivia, Brasil e Arxentina. Ten recoñecemento oficial compartido co castelán en Paraguay. Dos seus trazos lingüísticos destacan a existencia de vocais nasais, que se sinalan na escrita con diéreses; o acento recae xeralmente na sílaba final; non fai distinción de xénero pero si de número (plural en -kuera); e os verbos non existen como raíz senón que se inician cun trazo de unión, que é o que esixe a presencia dun pronome persoal suxeito. Escríbese con caracteres latinos e algúns signos diacríticos.

  5. s m [ECON]

    Unidade monetaria principal do Paraguay (G 1 ), dividida en 100 céntimos.

  6. literatura guaraní [LIT]

    Literatura cultivada en guaraní. En Paraguay, onde a política evanxelizadora dos antigos xesuítas e as súas reducións foron máis patentes, o proceso de alfabetización da poboación modificou a estrutura das literaturas orais. Dos libros publicados durante a colonización destacan Dicionario guaraní (1624), Vocabulario de la lengua guaraní (1624) e Tesoro de la lengua guaraní (1639).

Palabras veciñas

Guaporé | guapura | guaraná | guaraní | Guarapuava | Guarda | Guarda González, Eusebio da