Guarda, A
Concello da comarca do Baixo Miño, situado na provincia de Pontevedra no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello do Rosal (O Baixo Miño), ao S e ao L co río Miño, que o separa de Portugal, e ao O co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 20,5 km 2 cunha poboación de 10.356 h (2007), distribuída entre as tres parroquias do concello: Camposancos, A Guarda e Salcidos. Camposancos constitúe unha entidade local menor, rexida pola súa xunta veciñal e o seu alcalde pedáneo. A capital municipal é a vila da Guarda, situada a 41° 54’ de latitude N e 8° 52’ de lonxitude O, 49 km ao S de Vigo e 134 km ao S de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Tui e á diocese de Tui-Vigo.
Xeografía física
O concello da Guarda atópase baixo o dominio climático oceánico húmido. As temperaturas son benignas ao longo de todo o ano, e cunha temperatura media anual de 13,6°C. No mes máis cálido, xullo, acádase unha media de 19,6°C. No mes máis frío, xaneiro, a temperatura media é de 9,5°C, polo que a oscilación térmica anual é de 10,1°C. Recóllese unha media de 1.315 mm de precipitacións anuais, que se concentran fundamentalmente nos meses do inverno e no outono; no verán, estación na que só Se recolle o 6,5% das chuvias totais do ano, rexístrase un déficit hídrico acusado, que se prolonga desde xuño ata agosto. Os montes do Torroso (361 m alt) e Santa Tegra (341 m) actúan como pantalla pluviométrica, de xeito que a parroquia da Guarda, situada a barlovento, recibe moita máis precipitación cás de Camposancos e gran parte da de Salcidos, situadas a sotavento, ao abrigo dos ventos procedentes do océano. Enmarcado polo océano e polo esteiro do Miño, cara ao N ábrese o fértil val do Rosal. Os montes do Torroso e Santa Tegra, con fortes vertentes cara á costa e máis suaves na vertente oriental, forman as elevacións superiores no N e S do concello, respectivamente. Ambos os dous constitúen a prolongación meridional do conxunto granítico da serra da Groba, bloque levantado paralelo á costa en dirección meridiana. A costa ten un perfil de dobre chanzo formado pola forte escarpa dos montes que a bordean e pola rasa rochosa e de depósitos de terrazas que se estenden ata a beira do mar. No S, na desembocadura do Miño, río principal do concello, os seus aluvións ateigaron parcialmente o esteiro.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada polo concello da Guarda ao longo do s XX deu como resultado que a súa poboación se incrementase nun 72,57%, ao pasar de 6.001 h en 1900 a 10.356 en 2007. Non obstante , este incremento non foi progresivo; espectacular na primeira década, na que medrou unha quinta parte por mor dun balance vexetaivo moi positivo, o crecemento moderouse nas dúas décadas seguintes, debido á incidencia da emigración; a crise económica internacional e a conxuntura bélica da década de 1930, impuxeron o cesamento das correntes emigratorias, polo que a dinámica vexetativa, inmersa nas mesmas constantes (forte natalidade por mor da ausencia de métodos anticonceptivos e pola progresiva reducción da mortalidade grazas aos avances sanitarios), impuxo un crecemento do 23%, co que se chegou aos 9.311 h. Pola contra, na década seguinte (1940-1950), a poboación descendeu nunha porcentaxe similar á do crecemento da década anterior, debido á reactivación da corrente emigratoria con destino a Hispanoamérica. A partir de 1960 A Guarda experimentou un grande auxe demográfico, pois pasou de 7.727 h a 10.091 en 1991, cun incremento do 30,6%, produto do desenvolvemento económico do concello. A partir de 1991 produciuse un leve descenso. Non obstante entre 2001 e 2007 houbo un aumento do 5,29%. Aínda así, o crecemento natural (2006) é negativo (-1,2‰) froito dunhas elevadas taxas de natalidade (8‰) e mortalidade (9,2‰). Na estrutura por idades os menores de 20 anos constitúen o 18,4% da poboación. Os maiores de 64 anos representan o 18,9%; o grupo intermedio representa o 62,7%. A distribución por sexos amosa un lixeiro desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 51,52% da poboación fronte ao 48,47% de homes. Hai unha forte concentración dos habitantes do concello no núcleo urbano da Guarda
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Guarda é do 51,9% (67,8% a masculina e 37,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 47,7% (63,6% a masculina e 33,3% a feminina) e a taxa de paro é do 8% (6,2% a masculina e 11% a feminina). A distribución sectorial da poboación ocupada reflicte a importancia dos sectores terciario e primario. Os servizos ocupan o 50,4% dos traballadores residentes no concello; o sector primario dálle emprego ao 24,3% e o secundario ao 25,3% restante. A agricultura e a pesca están en regresión, e a gandaría é meramente simbólica. Aínda así, o carácter pesqueiro do concello e a importancia do porto da Guarda manteñen unha porcentaxe elevada de poboación empregada no sector da pesca, que segue sendo fundamental para a economía guardesa. A agricultura especializouse nos cultivos de horta dirixidos ao mercado urbano. A superficie agraria útil do concello é reducida, tan só 328 ha (o 16% da total municipal), das que se aproveitan 320 ha, o que significa unha intensa ocupación agrícola da superficie útil grazas á fertilidade dos depósitos fluviais do Miño. O sector secundario está formado por unha pequena industria endóxena centrada na cerámica e materiais da construción e na explotación forestal e os estaleiros. O sector terciario, o máximo xerador de emprego do concello, está sostido pola actividade da vila da Guarda, núcleo central no que vive a maioría da poboación municipal. A Guarda forma parte da área de influencia de Vigo, pero a súa localización meridional e o feito de ser punto fronteirizo con Portugal favorecen o desenvolvemento dos servizos e o comercio. O turismo é tamén un sector en alza polas condicións naturais e climáticas da Guarda. A principal vía de comunicación é a estrada comarcal C-550, de Tui a Cee. Outras estradas locais comunican os núcleos de poboación.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos que se constatan pertencen ao Paleolítico e son os bifaces descontextualizados localizados na praia de Camposancos. Do Neolítico apareceron varios machados pulimentados no monte Terroso, e da Idade do Bronce varios machados de dobre talón. De época castrexa, aínda que plenamente romanizado, consérvase o castro de Santa Tegra, descuberto en 1913 e declarado BIC en 1931. Na Idade Media, a historia da vila vinculouse ao mosteiro de Santa María A Real de Oia e ao Señorío episcopal de Tui, ao que pertenceu desde o s XII. Posteriormente, pasou a estar baixo o poder feudal laico de Sueiro Eanes, señor de Parada, e de Pedro Álvarez de Soutomaior. Participou activamente nas contendas con Portugal do s XVII e con Francia a comezos do s XIX, como consecuencia da súa posición estratéxica e fronteiriza. As parroquias que integran o actual concello da Guarda pertenceron durante o Antigo Réxime ás xurisdicións da Guarda (A Guarda e Salcidos) e Barrantes (Camposancos), ambas as dúas da provincia de Tui. O señorío sobre a xurisdición da Guarda correspondíalles ao bispo e ao cabido catedralicio de Tui, mentres que a xurisdición de Barrantes era señorío dos seus propios veciños. A entrada en vigor da Constitución proclamada polas Cortes de Cádiz en 1812, significou a supresión do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal, que se concretou en 1813 coa creación do concello da vila da Guarda. Abolida a Constitución por Fernando VII en 1814, restaurouse o réxime señorial ata 1820, cando, tralo pronunciamento do coronel Riego en Cabezas de San Juan, se recuperou o constitucionalismo; daquela cada unha das parroquias, Camposancos, A Guarda e Salcidos, formaron o seu propio concello. En 1822 os tres concellos pasaron a integrarse na provincia de Vigo. Ao ano seguinte, o Rei Fernando VII asinou unha segunda derrogación da Constitución, que supuxo unha nova restauración do Antigo Réxime. Tralo pasamento do rei, restableceuse o municipalismo: coa reordenación territorial do reino de 1833, estas parroquias quedaron incluídas na demarcación da provincia de Pontevedra. En 1835 constituíuse o concello da Guarda, no que se integraron as parroquias de Camposancos, As Eiras, A Guarda, O Rosal, Salcidos, San Miguel de Tabagón e Tabagón. En 1847 segregáronse do municipio as catro parroquias que forman o concello do Rosal (As Eiras, O Rosal, San Miguel de Tabagón e Tabagón). A parroquia de Camposancos constituíuse en entidade local menor en 1925.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan o conxunto dos gravados ruprestres do monte Santa Tegra, aos que se atribuíu unha simboloxía de carácter máxico-relixioso e que foron declarados BIC en 1975. Na arquitectura relixiosa destacan, entre outras, as igrexas de Santa María da Asunción da Guarda, San Lourenzo de Salcidos (s XVI) e a igrexa de Santo Amaro (s XIX), o convento de San Bieito, a ermida de Santa Tegra, as capelas da Guía, de Santa Catalina e da Virxe da Mercé, e o colexio dos Xesuítas. No eido da arquitectura civil destacan a torre brasonada do reloxo (s XVI), as casas dos Correa e dos Somoza, o vello hospital, a casa consistorial (s XIX) e o Hospital Casa Asilo (1921), deseñado polo arquitecto vasco T. Bilbao Sertucha seguindo as pautas do estilo rexionalista montañés. No eido da arquitectura militar destaca o castelo de Santa Cruz (s XVIII), mentres que no da popular hai que salientar o cruceiro de Salcidos. Destaca tamén o espazo cultural do Museo do Castro de Santa Tegra. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Baixo Miño, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que se celebran hai que salientar as do Corpus Christi, coa creación de alfombras florais, as da Virxe do Carme en xullo, de Santo Amaro e as romarías de Santa Tegra, en setembro, e a de Nosa Señora da Guía.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Baixo Miño, O |
| Extensión | 20 Km2 |
| Poboación Total | 10356 h |
| Poboación Homes | 502 h |
| Poboación Mulleres | 5336 h |
| Densidade de poboación | 517.8 h/Km2 |
Parroquias
| Camposancos |
| Guarda, A |
| Salcidos |