Guerra Mundial, Primeira
Conflito armado de carácter internacional que se produciu entre 1914 e 1918. Tivo a súa orixe na situación socioeconómica e política xestada durante o s XIX; un dos factores máis destacables foi o desenvolvemento do principio de autodeterminación, as rivalidades coloniais, o desigual desenvolvemento do capitalismo e a carreira de armamentos. Entre 1904 e 1914 producíronse unha serie de crises, antecedentes do conflito; por un lado a rivalidade franco-alemana, manifesta nos conflitos de Marrocos (1905-1906 e 1911) e, polo outro, a competencia dos gobernos de Viena e de Moscova pola hexemonía dos Balcáns (conflitos de Bosnia-Hercegovina 1901-1911; Guerras Balcánicas 1912-1913). A isto engadiúselle o importante crecemento da economía alemá que facía inaprazable unha nova redistribución do mundo. O asasinato (28.6.1914) en Sarajevo do arquiduque Francisco Fernando, príncipe herdeiro da coroa austríaca, fixo que o goberno austrohúngaro lanzase un ultimato a Serbia (23.7.1914). Rexeitado este (28.7.1914), Austria declaraba formalmente a guerra a Serbia e desencadeáronse os movementos: Rusia mobilizou as súas tropas en defensa de Serbia; Alemaña declarou a guerra a Rusia (1 de agosto) e a Francia (3 de agosto), ao tempo que os seus exércitos violaban o territorio de Bélxica, que se declarara neutral, feito que aproveitou o Reino Unido para intervir no conflito (4 de agosto). Quedaron establecidos dous bandos, os denominados aliados, que chegaron a sumar ata 28 estados, entre os que figuraban o Reino Unido, Francia e Rusia (Pacto de Londres), Xapón (agosto de 1914), Italia (maio de 1915), Romanía (agosto de 1916), Portugal (marzo de 1916), EE UU (abril de 1917) e Grecia (xuño de 1917); e a coalición dos denominados imperios centrais, Alemaña e Austria-Hungría, aos que se sumaron Turquía (novembro de 1914) e Bulgaria (outubro de 1915). O conflito, iniciado como unha guerra de movementos, converteuse nunha segunda fase en guerra de posicións. Na fronte occidental a ofensiva relampo alemá derrotou as tropas belgas e deixou franco o paso cara a Francia, que consiguiu deter os alemáns na Batalla do Marne (6-9 de setembro). A denominada carreira cara ao mar de ambos os exércitos finalizou cun novo equilibrio diante do Ieper, ao N de Bélxica (setembro), polo que quedaron atrincheirados ambos os bandos. Na fronte oriental, as tropas rusas adentráronse en Galitsia (agosto-setembro de 1914), pero a ofensiva austroalemana obrigoulle a repregarse ás súas fronteiras. No verán de 1915 as potencias centrais conquistaron Varsovia (5 de agosto) e Vilvius (18 de setembro), pero a ofensiva foi detida en Ternopil’ por unha nova vitoria rusa. O fracaso dos respectivos plans de rápida vitoria deron paso a unha terceira fase de guerra de desgaste iniciada coa Batalla de Verdun (febreiro-xullo de 1916), na que os alemáns esperaron infrutuosamente a desmoralización dos aliados, e os anglofranceses tentaron romper, sen éxito, a fronte alemá (ofensiva do Somme, xuño-novembro de 1916). Na primavera de 1917, o anuncio do estado maior alemán dunha guerra submarina indiscriminada contra todos os buques que se dirixisen cara a Europa deu lugar á declaración de guerra de EE UU a Alemaña. As diversas ofensivas de distracción feitas polos aliados no Mediterráneo oriental e no Próximo Oriente inmobilizaron os escasos aliados das potencias centrais (1916-1917). Aínda que os acontecementos internos en Rusia (revolución de febreiro e outubro de 1917 e a retirada da guerra a través do Tratado de Brest-Litovsk) déronlles vantaxe aos alemáns na fronte oriental, o cambio de correlación de forzas na fronte occidental pola presenza das tropas estadounidenses e as desordes sociais acontecidas nas potencias centrais decantaron definitivamente o rumbo do conflito. O 3 de novembro de 1918, o goberno de Austria-Hungría asinou o armisticio, o emperador abdicou e proclamouse a República de Austria. Trala derrota de Amiens (agosto de 1918) e o abandono do trono de Guillerme II, Alemaña pediu o armisticio (11.11.1918). A Conferencia de Paz iniciouse en Versailles (18.1.1919), coa participación de 70 delegados das 27 nacións vencedoras. As negociacións derivaron cara a posturas de endurecemento fronte a Alemaña, fundamentalmente, e quedou excluída a proposta dos 14 puntos do presidente Th. Wilson. O 28 de xuño asinouse un tratado de paz que impuxo a Alemaña duras sancións económicas, políticas, militares e territoriais. O 10 de setembro asinouse o Tratado de paz con Austria en Saint Germain-en-Laye, que supuxo o desmembramento do Imperio austrohúngaro. O 4 de xuño de 1920 asinouse o Tratado de paz con Hungría no Trianon, e o 10 de agosto o Tratado de paz con Turquía en Sèvres. Como resultado destes tratados naceron Checoslovaquia, Polonia, Hungría e Iugoslavia; Romanía e Turquía foron reestruturadas e o Imperio Otomano quedou reducido a Turquía.