Guerra Mundial, Segunda

Guerra Mundial, Segunda

Conflito armado a escala internacional que tivo lugar entre 1939 e 1945. As causas remóntanse á situación creada en Europa polo Tratado de Versailles (1919-1920), que rematara co anterior conflito mundial e que estableceu un precario equilibrio europeo e provocou un profundo malestar en Alemaña. Desde 1935 iniciouse unha escalada bélica que tería como colofón o estoupido da conflagración mundial: invasión italiana de Etiopia, a Guerra Civil en España e a anexión alemá de Austria (marzo de 1938) e da rexión checoslovaca dos Sudetes. A Alemaña de Hitler consolidou a alianza con Italia (maio de 1939) e neutralizou a URSS (pacto de non agresión xerman o-s oviético, agosto de 1939). O primeiro día de setembro o exército alemán iniciou a invasión de Polonia e o 3 de setembro o Reino Unido e Francia declaráronlle a guerra. Desde entón, o conflito enfrontou a dous bloques: as potencias do Eixe, Alemaña-Italia-Xapón, cos denominados aliados, liderados por Reino Unido, Francia, Unión Soviética e   EE UU (incorporados en 1941). Nunha primeira fase as potencias do Eixe lideraron a ofensiva, ata 1943, en que as vitorias se decantaron polo bando aliado. O exército alemán amosou a capacidade da guerra relampo, ocupou Varsovia (29 de setembro), invadiu Dinamarca (abril de 1940), Noruega, Holanda e Bélxica, e ocupou París (14 de xuño). O 22 de xuño o novo goberno francés, encabezado polo mariscal Pétain, asinou con Alemaña un armisticio que dividía Francia nunha zona ocupada e outra libre, cun goberno establecido en Vichy e dependente do de Berlín. A ofensiva aérea fronte a Reino Unido atopouse coa eficaz resistencia británica que fixo aprazar os intentos de ocupación alemá das illas británicas (operación León mariño). En setembro de 1940 o exército italiano, establecido en Libia, invadiu Exipto, o que produciu en decembro unha contraofensiva británica que fixo necesaria a intervención directa das tropas alemanas. En marzo de 1941 iniciouse unha nova ofensiva italoalemana, que foi detida ante El-’Alamein (1942). A partir desta data tivo lugar o progresivo repregamento alemán no N de África, ata a súa rendición definitiva en Tunisia, en maio de 1943. Nos Balcáns Hitler conseguiu a alianza de Hungría (20 de novembro de 1940), de Romanía (23 de novembro), Eslovaquia (24 de novembro), Bulgaria (1 de marzo de 1941) e Iugoslavia (25 de marzo). Entón Hitler ordenou a invasión da URSS (operación Barbarrubia), o 22 de xuño 1941, sen declaración de guerra, e coa colaboración de Romanía, Italia, Eslovaquia e Hungría, así como da División Azul española. Alemaña lanzou un ataque en tres frontes (norte, centro e sur) e o exército ruso cedeu rapidamente terreo, aínda que logrou resistir ata que as condicións climáticas debilitaron o exército alemán. Na primavera de 1942 o exército alemán lanzou unha nova ofensiva que mantivo tres meses de combate ata que a manobra envolvente do exército ruso logrou illar o alemán, que decidiu finalmente a rendición en xaneiro de 1943. A suma de derrotas na fronte oriental, no N de África e no Atlántico, modificaron a iniciativa do conflito, que, a partir daquela, quedou en mans dos aliados. O conflito no Pacífico iniciouse co ataque sorpresa lanzado por Xapón, aliado oriental dos nazis, contra a base norteamericana de Pearl Harbour (7.12.1945), ao tempo que comezaba a invasión do SL asiático. A primeira fase bélica, favorable a Xapón, culminou coa Batalla do Mar de Coral (maio de 1942) que puxo fin á expansión xaponesa. A campaña aliada iniciouse na fronte mediterránea (xullo de 1943), co desembarco aliado nas costas meridionais de Italia, que provocou a caída fascista do réxime de B. Mussolini e o cambio de bando dos italianos, que se sumaron ás forzas aliadas. Trala conquista de Italia e mentres se desenvolvía a contraofensiva soviética, tivo lugar o desembarco aliado nas costas francesas de Normandie (6 de xuño), que deu comezo á liberación de Europa. Atravesado o Rin na fronte occidental e co exército soviético disposto a encarar Berlín, tras internarse en Polonia, Hungría, Romanía e Bulgaria, A. Hitler suicidouse (30.3.1945) e Alemaña proclamou a súa rendición (8.5.1945). No Pacífico, trala conquista de Guadalcanal (agosto de 1942-febreiro de 1943) produciuse a contraofensiva das forzas americanas que conquistaron Filipinas (outubro de 1944-febreiro de 1945) e, xunto cos británicos e cos chineses, recuperaron Birmania. O 19 de febreiro de 1945 produciuse o primeiro desembarco estadounidense en terras xaponesas (Iwojima), pero a guerra decidiuse co bombardeo atómico sobre Hiroshima (6 de agosto) e Nagasaki (9 de agosto). A sinatura da rendición oficial de Xapón (2.9.1945) deu por rematada a Segunda Guerra Mundial. Ao remate do conflito, os acordos adoptados nas Conferencias de Yalta (febreiro de 1945) e Potsdam (xullo de 1945), estableceron o novo panorama mundial caracterizado polo establecemento dun mundo bipolar liderado por dúas potencias antagónicas, a URSS e EE UU, o declive político e militar de Europa e o impulso descolonizador en África e Asia. Consecuencia do conflito foi tamén a decisión de crear un organismo internacional destinado á prevención de futuros conflitos, polo que se fundou a ONU, en xuño de 1945.