Guitiriz

Guitiriz


Concello da comarca da Terra Chá, situado na provincia de Lugo no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Monfero (O Eume) e Xermade (Terrá Chá), ao S co de Friol (Lugo), ao L cos de Vilalba e Begonte (ambos os dous en Terrá Chá), e ao O cos de Sobrado (Terra de Melide), Curtis e Aranga (Betanzos). Abrangue unha superficie de 259 km 2 , cunha poboación de 5.974 h (2007), distribuída nas parroquias de Becín, O Buriz, Labrada, Lagostelle, Mariz, As Negradas, Parga, Pedrafita, Pígara, Roca, San Breixo de Parga, San Salvador de Parga, Santa Cruz de Parga, Santa Locaia de Parga, Santa Mariña de Lagostelle, Trasparga, Vilar e Os Vilares. A capital municipal é a vila de Guitiriz, situada na parroquia de Lagostelle, a 43° 10’ de latitude N e 7° 53’ de lonxitude O, 74 km ao NL de Santiago de Compostela e 39 km ao NO de Lugo. Está adscrito ao partido xudicial de Vilalba. As súas parroquias pertencen á diocese de Mondoñedo-Ferrol, agás as das Negradas e Pedrafita, que pertencen á de Lugo.
Xeografía física
Atópase baixo o dominio climático oceánico húmido, cuns certos matices de continentalidade debido á súa localización nun planalto interior. As serras da Dorsal Occidental Galega atenúan a influencia das masas de aire húmido que proceden do océano, tanto as de compoñente SO, como as de O e NO. Actúan como pantalla pluviométrica, polo que as precipitacións medias se manteñen arredor dos 1.350 mm. A distribución anual das precipitacións amosa un acusado mínimo estival, pois nos meses do verán tan só Se recolle o 9% das chuvias totais. No outono (33%) e sobre todo no inverno (37%) recóllense precipitacións moi superiores. A primavera constitúe unha estación de transición pluviométrica, en que só Se recolle o 21% das precipitacións anuais. As xornadas de chuvia sitúanse entre 130 e 140 ao ano. A degradación das condicións climáticas oceánicas provocada polos factores de localización descritos (altitude, afastamento do mar e abrigo topográfico) constátase tamén no ambiente térmico, especialmente no relativo ás oscilacións anual e diúrna. A temperatura media anual é de 10,9° C. Xaneiro é o mes máis frío (5,7° C de media) e agosto o máis cálido (17,2° C). A amplitude anual elévase a 11,5° C. Con estas condicións térmicas o risco de xeadas esténdese desde outubro a maio. A seca estival non se converte en aridez dos solos debido ao baixo nivel de insolación e, xa que logo, á evaporación, feito que compensa o descenso das precipitacións durante ese período do ano. O relevo está caracterizado por pertencer á Terra Chá, cunha altitude que na maior parte do seu territorio oscila entre os 400 e os 600 m. Non obstante, o extremo occidental é unha área de transición cara ás serras da Dorsal Occidental Galega (Cova da Serpe, 790 m; Cordal de Montouto, 739 m; e Serra da Loba, 700 m), que actúa como divisoria das augas dos ríos que verten ao Golfo Ártabro e os tributarios do Miño. Ao L destas aliñacións o relevo é practicamente chairo, formado pola sucesión de varias superficies de erosión, desde un primeiro nivel situado a uns 550 m ata o fondo da Terra Chá, onde non se acadan máis de 480 m. Estas superficies aséntanse sobre terreos moi antigos erosionados e degradados pola rede hidrográfica, formados durante a Era Primaria, con materiais litolóxicos predominantemente de tipo xistoso ou lousa, dos que afloran macizos graníticos (que se traducen en pequenos outeiros sobre a topografía chá) e bandas de diversas rochas (cuarcitas e pedra de gra). O territorio municipal forma parte da conca fluvial do alto Miño. Dous dos seus afluentes son os cursos colectores que drenan o concello, o Labrada e o Parga, río este que atravesa boa parte do concello, situado nunha falla que corta transversalmente as serras.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada polo concello de Guitiriz no s XX levouno a perder un 38,6% da súa poboación, pois en 1900 sumaba 10.028 h, mentres que no primeiro censo da seguinte centuria (2001) viuse reducido a 6.259 h e a 5.974 h en 2007. Ata 1920 seguiu un incremento moderado, que na década posterior se inverteu nunha proporción semellante. Na primeira vintena do s XX o forte crecemento vexetativo compensou a emigración xeneralizada cara ao continente americano. A década de 1930 foi a que coñeceu o maior incremento demográfico (1,6% de media anual) debido á imposibilidade de emigrar como consecuencia primeiro da crise financeira internacional e da Guerra Civil despois. Deste xeito, acadou en 1940 o máximo rexistro da súa historia censual, con 11.909 h. A partir desta data a poboación municipal entrou nunha dinámica negativa, que supuxo a diminución demográfica a un ritmo medio do 0,8% anual ao longo de todo o período. O intervalo de maior perda poboacional coincidiu co fluxo emigratorio europeo da década de 1960 e comezos da de 1970 (-1,3 % anual). O crecemento natural (2006) é negativo (-9‰) froito dunha baixa natalidade (4,4‰) e unha alta mortalidade (13,4‰).
Froito desta evolución demográfica é o forte avellentamento da estrutura por idades, en que os menores de 20 anos só supoñen o 12,4%, mentres que os maiores de 65 anos son o 31,1%; o grupo intermedio representa o 57,4%. Na distribución por sexos predominan lixeiramente as mulleres (50,6%) sobre os homes (49,36%). A poboación está bastante diseminada en moitos pequenos núcleos ao longo de todo o territorio municipal. Destacan dúas entidades, Guitiriz e Parga, pequenas vilas con funcións comerciais e de servizos básicos, desenvolvidas grazas ás vías de comunicación que as atravesan.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Guitiriz é do 48,7% (61,4% a masculina e 36,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 44,4% (56,3% a masculina e 32,8% a feminina) e a taxa de paro é do 8,8% (8,2% a masculina e 10% a feminina). Guitiriz mostra unha estrutura económica dirixida cara ao sector primario. As actividades agropecuarias dan traballo ao 34,8% da poboación ocupada. A gandaría ten máis importancia cá agricultura, e mesmo a maior parte das terras cultivadas están dedicadas a plantas forraxeiras para a alimentación do gando vacún. En 1999 había censadas algo máis de 8.204 reses bovinas no concello. Prados e pastos ocupan o 32% da superficie municipal. O espazo cultivado tan só é o 6% do total. Os cultivos destínanse ao autoconsumo familiar, se ben as forraxes acadan cada vez máis implantación, sobre todo o millo. É importante a extensión (35%) que ocupa o arboredo, fundamentalmente piñeiros, que medra a expensas do terreo cultivado e de antigos espazos de mato. A industria ocupa o 16,5% dos taballadores que residen no concello. Sobresaen as dedicadas á explotación dos recursos naturais, como o aproveitamento do granito ou a fabricación de materiais de construción. A madeira tamén atopa saída en numerosos serradoiros que fan a primeira transformación. A construción, pola súa banda, xera o, 11,9% dos postos de traballo. Trátase, na maioría dos casos, de pequenas cuadrillas de traballadores autónomos con baixa cualificación que realizan a súa actividade tamén nos municipios veciños. Finalmente, o sector terciario non está moi desenvolvido, pero malia todo ocupa ao 36,8% dos traballadores, cunha concentración dos servizos nas vilas de Guitiriz e Parga. Guitiriz conta cunha moi boa accesibilidade e boas infraestruturas de transporte, pois tanto a estrada nacional N-VI como a Autovía do Noroeste (A-6) atravesan o seu territorio de L a O, do mesmo xeito que a liña do ferrocarril Madrid-A Coruña, que conta cunha estación na vila de Guitiriz. Todas estas infraestruturas de comunicación circulan paralelas, aproveitando un paso natural entre as serras de Montouto e Cova da Serpe, a 480 m de altitude. Destacan tamén a LU-170 e a N.-634, estas en sentido lonxitudinal.
Historia
Coñecido ata 1945 co nome de Trasparga, os primeiros vestixios arqueolóxicos dos que se teñen noticia son os do xacemento de Pena Xiboi (Parga), datados no Epipaleolítico. Posteriormente, desenvolveuse o fenómeno megalítico, do que destacan os dolmens de Pelreo (Buriz), onde tamén se localizou un vaso campaniforme, de Montoes de Fienza (Labrada) e da Modia, as medorras do Marco e do Campanario (Pedrafita), e as mámoas da Valiña, Lagostelle e Vilares. Consérvanse restos de numerosos castros, como os do Forno, Abeleira, Fontauro, Candorco, Pazo e Roca. Mentres que para o erudito M. P. Amor Meilán estas terras foron habitadas polos párrocos, que estarían asentados en Parraqua (Parga), e os caranicos, que ocuparían a área entre Guitiriz e Curtis, outros Historiadores identificáronas coa Caranicum romana. Non obstante , de época romana só Se conservan as lápidas atopadas en Mariz, Parga e Guitiriz e un baixorrelevo. Por este municipio pasaba, segundo o Itinerario de Antonino, a vía que unía per loca maritima Brigantium con Lucus Augusti. Na época sueva as terras do concello formaron parte do condado de Montenegro, integrado na diocese de Lugo. Desta época tamén perviviu unha numerosa toponimia, entre outros, Buriz, Romariz, Mirón, Recemil e Ramil. As primeiras referencias documentais datan de 1178 e fan referencia á casa señorial de Parga, señorío do mosteiro de Sobrado. No s XIV as casas de Parga e Guitiriz unificáronse na persoa de Fernán Pérez de Andrade e no s XV Xoán Pérez Parragués aumentou o señorío coas rendas cedidas polos Andrade. As parroquias que integran o actual concello de Guitiriz pertenceron durante o Antigo Réxime ás xurisdicións señoriais de San Salvador de Parga (que incluía as parroquias de San Salvador de Parga, Roca e Trasparga e que pagaba rendas aos conventos de San Francisco de Viveiro e Santo Domingo de Lugo, así como ao conde de Amarante, titular do señorío), Illán (parroquia de Pedrafita, señorío do Conde de Fuensaldaña) e Monfero (parroquias do Buriz e Labrada, dominio do mosteiro cisterciense homónimo), ás xurisdicións de reguengo de Parga de San Breixo (parroquias de San Breixo de Parga, Santa Locaia de Parga e Vilar), A Pobra de Parga (Becín e Parga), Vilares de Parga (Santa Cruz de Parga e Os Vilares) e aos coutos redondos das parroquias de Lagostelle (de reguengo), As Negradas, Mariz e Pígara. A aplicación da constitución promulgada en Cádiz en 1812 significou a supresión do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio, que se concretou na creación dos concellos de Parga e Lagostelle. A vixencia destes dous concellos estivo sometida ás vicisitudes políticas do momento, feito que se interrompeu coas derrogacións da constitución en 1814 e 1823, que deron paso á restauración do Antigo Réxime entre 1814-1820 e 1823-1833. A definitiva recuperación do municipalismo en 1835 significou a creación do concello de Trasparga, que incluía tamén as parroquias de Santalla de Pena e San Vicente de Pena, que en 1840 pasaron ao concello de Begonte a solicitude dos seus veciños. A capital municipal situouse no lugar do Mesón da Cabra (parroquia de Trasparga) ata 1945, data en que se trasladou á vila de Guitiriz, o que repercutiu tamén no cambio de denominación do concello, que adoptou o da súa nova capital. Desde mediados do s XIX desenvolveuse a explotación das augas medicinais do concello, sulfurado-fluorado sódicas frías, indicadas para trastornos hepáticos e do aparato dixestivo, que culminaron coa construción dos balnearios de Guitiriz (1908) e Pardiñas (1955).
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan os gravados rupestres das Calzadas e Pena Bicuda (Buriz), e do monte Pirleo. No eido da arquitectura relixiosa destacan as igrexas románicas de San Salvador de Parga, San Xulián de Becín (s XIII), Negradas (s XIII) e Santo Estevo, aínda que con fachada do s XVIII, a gótica de San Alberte de Parga (ss XII-XIV) e a barroca de San Xoán de Lagostelle. Destacan tamén as pinturas de finais do s XV de Santo Estevo de Parga. Da arquitectura civil sobresaen os restos do castelo de Pobra (Parga), BIC desde 1994, a ponte gótica de Guitiriz, os pazos do marqués de Camarasa (s XVIII), de Lagostelle e de Pontella (s XVII), e as casas do Portazgo (s XVIII) e a rectoral de Mariz. No eido da arquitectura popular destacan os numerosos muíños do concello. Entre os espazos naturais hai que salientar as áreas recreativas de San Xoán de Lagostelle e de Parga, ademais do espazo natural do Parga-Ladra-Támoga, declarado Lugar de Interese Comunitario dentro da Rede Natura 2000. Das festas que se celebran destacan as de San Xoán de Guitiriz e as romarías de Santo Alberte de Parga e da Virxe dos Desamparados en Vilares.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Terra Chá
Extensión 293 Km2
Poboación Total 5974 h
Poboación Homes 2949 h
Poboación Mulleres 3025 h
Densidade de poboación 20.39 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias