Guntín

Guntín


Concello da comarca e da provincia de Lugo, no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Friol e de Lugo, ao S cos do Páramo (Sarria), Monterroso (A Ulloa) e Portomarín, ao L cos do Corgo e O Páramo (Sarria) e ao O cos de Palas de Rei (A Ulloa) e Friol (Lugo). Abrangue unha superficie de 154,8 km 2 , cunha poboación de 3.213 h (2007), distribuída nas parroquias de Castelo de Pallares, Constante, Entrambasaugas, Ferreira de Pallares, Ferroi, Francos, Gomelle, Grolos, Guntín de Pallares, Lamela, Lousada, Monte de Meda, Mosteiro, A Mota, Mougán, Navallos, Ourol, Piñeiras, Pradeda, San Cibrao de Monte de Meda, San Mamede de Lousada, San Romao da Retorta, Santa Cruz da Retorta, Santa Euxea, Santa María de Ferroi, Sirvián, Vilamaior de Negral, Vilameá, Vilamerelle, Vilarmao e Zolle. A capital municipal é a vila de Guntín, na parroquia de Guntín de Pallares, situada a 42° 53’ de latitude N e 7° 41’ de lonxitude O, 87 km ao L de Santiago de Compostela e 19 km ao SO de Lugo. Está adscrita ao partido xudicial e á diocese de Lugo.
Xeografía física
Atópase baixo o dominio climático oceánico húmido, aínda que presenta unha menor pluviosidade e matices de continentalidade nas temperaturas con respecto á costa. A menor cantidade de precipitacións está motivada pola presenza dos relevos da Dorsal Occidental Galega, que actúan como barreira orográfica en relación aos fluxos ciclónicos húmidos do SO, O e NO. Así, non se superan os 1.200 mm de precipitación anual, que caen cun ritmo anual que concentra case que dous tercios das chuvias no inverno (38%) e no outono (27%). Na primavera (24%) e sobre todo no verán (11%) fanse máis escasas, feito que chega a provocar un pequeno déficit hídrico entre maio e setembro. Como promedio rexístranse 140 xornadas de chuvia ao ano. Os trazos de continentalidade, moi moderados, percíbense mellor no réxime térmico, como consecuencia do relativo afastamento do litoral, da altitude media elevada (500 m) e do abrigo da dorsal. A temperatura media anual, 11,9° C, é baixa respecto ao Litoral. Xaneiro é o mes máis frío, cunha temperatura media de 6,8°C, mentres que agosto é o máis cálido, con 17,8°C. A amplitude anual é, polo tanto, de 11°C. As xeadas son abundantes, e aínda que o risco de que se produzan esténdese á maior parte do ano, é especialmente alto entre outubro e maio. Guntín forma parte da Meseta Lucense, polo que predomina a topografía plana, cunha altitude que oscila entre 540-580 m. Esta altiplanicie sitúase sobre materiais moi antigos, de cronoloxía precámbrica e cámbrica, cunha litoloxía predominante de xistos e micaxistos da serie de Vilalba, entre os que existen afloramentos graníticos. A unha maior altitude consérvanse restos doutra superficie de erosión anterior. Ademais, a rede fluvial actuou sobre a meseta, encaixándose notablemente nela, de xeito que se pode observar unha gradación de altitudes no municipio, que van desde os 340 m, no fondo do val do Miño, no L, ata os 783 m do Monte de Meda no alto de Picato, ao N. As maiores altitudes sitúanse no N e NO, nunha disposición NNO-SSL: ao N os montes Salgueiro (702 m), Crollos Brancos (732 m), pena de Fornos (760 m) e Monte de Meda (783 m) e ao S Cotoroso (679 m) e Monte Ladairo (566 m). Todo o concello forma parte da conca do río Miño, que circula polo límite oriental. O seu tributario máis notable é o Ferreira, que descende desde a serra do Careón e serve de límite entre Guntín, Palas de Rei e Portomarín.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada por este concello no s XX levouno a perder case a metade da súa poboación ao remate da centuria, pois pasou de 6.319 h en 1900 a 3.423 h en 2001, cun descenso neto do 45,8%, descenso que continuou nun -6,13% ata 2007. Ata 1930 sostivo un feble incremento (dunha media do 0,65% anual), pois o elevado crecemento vexetativo contrarrestaba a emigración que se dirixía fundamentalmente a Hispanoamérica. Dese xeito, naquel ano rexistrouse o máximo volume poboacional do municipio, con 7.557 h. A partir de entón abriuse un episodio regresivo que se prolongou ata 1950, cun descenso medio do -0,9% anual. A década de 1950 supuxo un estancamento demográfico (cun crecemento positivo do 0,09%), pero a partir de 1960 retomouse a senda do decrecemento. A década de 1950 foi o período de maior mingua (-2,13% anual) debido á emigración cara a Europa Occidental. O crecemento natural (2006) é negativo (-13,8‰) froito dunha baixa natalidade (3,7‰) e unha alta mortalidade (17,5‰). Resultado desta evolución é unha estrutura por idades profundamente avellentada, onde os menores de 20 anos supoñen o 10% da poboación, mentres que os maiores de 65 anos son o 33,3%; o grupo intermedio representa o 56,8%. Na distribución por sexos, destaca o equilibrio, 50,39% de homes e 49, 64% de mullerese. Polo que respecta ao poboamento, está bastante diseminado en aldeas de pequeno tamaño.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Guntín é do 49,5% (56,5% a masculina e 42,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 46,2% (52,8% a masculina e 39,5% a feminina) e a taxa de paro é do 6,7% (6,6% a masculina e 7% a feminina). A economía baséase no sector agropecuario, especialmente nas actividades gandeiras, onde o 52,7% da poboación ocupada se dedica a actividades do sector primario. A maior parte dos cultivos destínanse á alimentación do gando, aínda que persisten cultivos tradicionais (centeo, patacas, millo e nabos) destinados ao autoconsumo familiar. A gandaría bovina de orientación leiteira é a predominante, aínda que as granxas de porcino están tamén moi estendidas. En 1998 existían 8.419 cabezas de gando bovino. Polo que respecta ao aproveitamento forestal do monte, o terreo arborizado ocupa o 30% da superficie municipal (principalmente plantacións de piñeiros). A industria, practicamente inexistente, ocupa ao 5,2% dos traballadores que residen no concello, que en moitos casos se desprazan diariamente ás empresas radicadas en Lugo para desenvolver a súa actividade laboral. A construción emprega ao 10,6% dos ocupados, que tamén se trasladan maioritariamente a Lugo a traballar. Os servizos, malia ocupar ao 31,1% dos traballadores, están moi pouco desenvolvidos e, como acontece nos outros sectores non agrarios, moitos deses empregos están en Lugo. En Guntín tan só se localizan os relacionados coa administración municipal e os servizos sociais e o comercio. O concello constitúe unha encrucillada de estradas nacionais. A N-540 atravesa o municipio de SO a NL e o une con Lugo e Ourense, e dela parte, no límite municipal, a estrada nacional N-547 que o comunica con Santiago de Compostela.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos atopados pertencen ao megalitismo e, entre eles, destacan as medorras de Monte Ladoiro e Lamasalgueira e as mámoas de Monte Barreiros e Vilameá. De época castrexa consérvanse os restos de 13 poboados, entre os que destacan os castros do Picato, de San Vicente (Vilarmelle), de Amedo (Vilarmao) e o de Francos (Ferroi). Mentres que para o erudito M. P. Amor Meilán o topónimo da vila procede do de Aquae Quintinae que aparece en Ptolomeo e que se identificaría coas augas termais termosulfurosas de Francos, para outros estudiosos, como A. López Peláez, procedería de Guntino, nome co que eran coñecidos os servos do bispo lucense Odoario, encargado da repoboación destas terras. Non obstante , tan só Se conservan de época romana unha ara dedicada a Navia, as columnas miliarias de San Romao de Retorta e os muíños e sarcófagos do lugar da Torre (Santa Euxea). As primeiras noticias documentais datan do s X coas doazóns feitas polos condes Ero e Laura ao mosteiro de Santa María de Ferreira de Pallares, arredor do que se articulou toda a vida municipal ao longo da Idade Media e Moderna. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Guntín pertenceron maioritariamente á xurisdición de Lugo, señorío do bispo desa sé. Tan só quedaban fóra as parroquias de Santa Euxea, que constituía un couto redondo, Ferreira de Pallares, Guntín de Pallares, Pradeda e Vilamerelle, que integraban a xurisdición de Ferreira de Pallares, señorío do mosteiro benedictino de San Xiao de Samos. Coa promulgación da Constitución de 1812 substituíuse o réxime señorial por unha administración municipal do territorio, que se concretou na creación dos concellos de Bacurín, Campo e Ferreira de Pallares (herdeiro da xurisdición homónima). Debido ás vicisitudes que sufriu a constitución (derrogacións asinadas polo Rei Fernando VII en 1814 e 1823 e proclamación mediante un levantamento militar en 1820), o Antigo Réxime e a administración señorial restauráronse entre 1814-1820 e 1823-1833. A definitiva instauración do municipalismo produciuse tralo pasamento de Fernando VII, coa creación en 1835 do concello de Guntín, que desde entón mantivo os mesmos límites. No s XIX o territorio municipal foi escenario de enfrontamentos armados inseridos nas Guerras Carlistas. Dos feitos máis salientables destaca a captura nestas terras do frade carlista Benito Rodríguez.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan os gravados rupestres da Pena da Ermida (Monte de Meda). Na arquitectura relixiosa sobresaen os restos do antigo mosteiro de Santa María de Ferreira de Pallares, declarado BIC en 1979, e as igrexas de San Román e Santa Cruz de Retorta (s XII), San Cibrán e San Martiño de Monte de Meda e de Pradeda (s XVIII). Da arquitectura defensiva destacan o castelo de Besgos (San Fiz de Francos), o castelo torre de Francos, a casa fortaleza da Mota e a casa torre de Santa Euxea, todos eles declarados BIC en 1994. Na arquitectura civil conservánse a casa rectoral de Ferreira de Pallares, a casa de Lousada, a casa priorado de Mosteiro e a casa de Pallín (s XVIII). A arquitectura popular tamén conta con destacados exemplos, entre os que se poden citar os numerosos cruceiros estendidos por todas as parroquias do concello e as ferrerías próximas ao mosteiro de Ferreira. Das festas que se celebran destacan a romaría do Corpiño en Grolos, as festas de Santa Baia de Pradeda e de Santiago en Entrambasaugas.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Lugo
Extensión 154 Km2
Poboación Total 3213 h
Poboación Homes 1618 h
Poboación Mulleres 1595 h
Densidade de poboación 20.86 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias