Guyana Francesa
Departamento francés de ultramar situado ao NL de América do Sur, que ocupa unha parte do macizo da Güiana (83.534 km2; 157.213 h [1999]). A capital é Cayenne (50.594 h [1999]). Ten un clima ecuatorial moi marcado. A maior parte do territorio está cuberto pola selva ecuatorial (88%). A poboación, distribuída moi desigualmente, é sobre todo mestiza e fala linguas caribes, como o wayana, o wayampí e o kari’nya, e o francés, a lingua oficial. As principais producións agrícolas son a cana de azucre, o café, o cacao, o millo, o tabaco, a mandioca e os plátanos. A riqueza mineira céntrase no ouro e na bauxita. A capital é famosa polo seu penal. Colonizada desde 1604, a industria do azucre foi a base da economía, pero despois dunha etapa moi próspera (1827-1846) sufriu unha recesión pola abolición da escravitude (1849). En 1855 descubríronse xacementos de ouro. Transformouse en departamento de ultramar francés en 1949. O goberno está formado por un prefecto ou gobernador nomeado desde París, un consello xeral de 16 membros e un consello rexional de 31 membros. Está representado en París por 2 deputados e 1 senador.