Habana, La

Habana, La

Capital de Cuba e da provincia homónima, situada no NO da illa, na costa do estreito que une a badía de La Habana co mar (2.189.716 h [1999]). A súa expansión demográfica comezou no s XIX cos colonos españois emigrados desde outros países hispanoamericanos; sen embargo, ata o triunfo da Revolución Cubana, o desenvolvemento urbano da cidade foi totalmente espontáneo e non se guiou por unha planificación consciente. Trátase dun núcleo industrial importante e as manufacturas de tabaco e as refinerías de azucre constitúen a principal actividade. O seu porto é o máis importante do país, e tamén destacan as refinerías de petróleo, as industrias químicas, os estaleiros e a industria papeleira. Fundada en 1514, converteuse na cidade principal de Cuba. Porto clave para o tráfico comercial entre América e a Península Ibérica, foi ocupado polos ingleses (1762-1763). Tralo estoupido do navío estadounidense Maine no seu porto (1898), EE UU declaroulle a guerra a España e fíxose co control da illa. Desde 1902 foi a capital do novo estado cubano. Conserva construcións defensivas de época colonial, mentres que os edificios relixiosos e civís do s XVIII reflicten o barroco hispánico. A comunidade de emigrantes galegos constituíu o grupo máis importante numericamente entre os peninsulares emigrados xa no 1859, pero a súa presenza foi en aumento durante todo o s XIX, ata acadar o seu máximo en 1920. Este grupo articulouse ao redor de diversas asociacións e entidades, como a Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galiza, constituída en decembro de 1871, e a Sociedade Coral Ecos de Galiza, creada en 1872. Posteriormente, en decembro de 1879 constituíuse o Centro Galego, unha sociedade de instrución e recreo que contribuíu ao sostemento de diversas institucións culturais e asistenciais tanto en Galicia como en Cuba, e apoiou, entre outras, a edición da Historia de Galicia de Manuel Murguía. A presenza dun destacado grupo de intelectuais galegos desde finais do s XIX, como Antón Villar Ponte, Xulio Sigüenza, Xosé Lesta Meis, Ramón Cabanillas, Xosé Fontenla Leal e Xosé Castro Gonzalez, Chané, permitiron o desenvolvemento de importantes iniciativas culturais, como a creación da Real Academia Galega, presidida por Manuel Curros Enríquez. As relacións coas manifestacións culturais e políticas de Galicia incrementáronse nas primeiras décadas do s XX, apoiadas polo labor divulgador de Alfredo Brañas, Aurelio Pereira, Manuel Murguía e Pérez Ballesteros no desenvolvemento do galeguismo.

Palabras veciñas

Haavelmo, Trygve | Haavio, Martti | Habacuc | Habana, La | Habana, La | habaneiro -ra | habanera