haloxenación
(< haloxenar)
Reacción química mediante a que un ou máis átomos de halóxeno son introducidos nunha molécula orgánica substituíndo átomos, a miúdo de hidróxeno, ou grupos funcionais. A reactividade é distinta segundo o halóxeno; así, as reaccións de fluoración prodúcense cun forte desprendemento de enerxía, e o contacto dunha substancia orgánica co fluor elemental (F2) pode producir unha explosión; a cloración e a bromación dos hidrocarburos alifáticos e das cadeas laterais dos alquilbencenos prodúcense facilmente en presenza da luz; pola contra, a fixación do iodo é imposible nestas condicións. A cloración, a bromación e a iodación dos compostos aromáticos prodúcese con máis ou menos facilidade segundo que o composto siga activado ou desactivado pola presenza de substituíntes.