Hércules, torre de

Hércules, torre de

Faro de orixe romana situado na Coruña. Segundo unha inscrición latina que se atopa preto del, foi construído no s II polo arquitecto lusitano Caio Sevio Lupo de Aeminium (Coimbra) cumprindo un voto. A lenda conta que Hércules cortou a cabeza de Xerión neste lugar, onde levantou un monumento para acoller os seus restos. Remodelada en diversas ocasións, entre outras na encargada polo duque de Uceda ao arquitecto Amaro Antune en 1682, o aspecto exterior é produto da reforma realizada en 1791 polo arquitecto Eustaquio Gianini, pola que presenta unha planta cadrada cunha altura de 68 m. Antes da reforma era un corpo prismático con base cadrada e un muro exterior de pedra con dúas portas na parte baixa e fiestras asimétricas ata o piso superior. No interior conserva a estrutura romana. Para acceder ao faro habería unha rampla helicoidal que puido estar situada no exterior da torre ou ben no interior dela. E. Gianini marcou a rampla con franxas helicoidais que dividen o corpo central en cinco tramos. Ao redor da torre atópase o Parque Escultórico Torre de Hércules, ideado en 1992, e formado polas obras Caronte, de Ramón Conde; Rosa dos Ventos, de Xabier Correa Corredoira; Menhir pentacefálico, de Ramón Miranda; Hércules sobre a nave dos argonautas, de Gonzalo Viana; Copa do Sol, de José Galán; Caracola, de Moncho Amigo; Breogán, de Xosé Cid Menor; Gardiáns, de Soledad Penalta; Ara Solis, de Silverio Rivas; Combate entre Hércules e Xerión, de Tim Bherens e Xosé Espona; Ártabros, de Arturo Andrade; Guitarra, de Pablo Serrano; Menhires pola paz, de Manolo Paz; e polas portas da torre, de Francisco Leiro. A torre foi declarada Ben de Interese Cultural en 1931.O 27 de Xuño do ano 2009 foi declarada patrimonio da humanidade pola UNESCO.