Hermes
Divindade grega, fillo de Zeus e da pléiade Maia. Precoz e enxeñoso por natureza, no mesmo día do seu nacemento foi quen de se liberar das bandas que o protexían, escapar da cova no monte Cileno cando todos durmían e viaxar polo mundo. Ao chegar a Tessalia, rouboulle parte do gando que pastoreaba o seu irmán Apolo. Logo levou os animais ata Pilos, sen deixar pegadas, e regresou á cova. Pero antes aínda tivo tempo de matar unha tartaruga, baleirala e atar na cuncha unhas cordas feitas cos intestinos dos animais que sacrificara; deste xeito inventou a lira. Cando Apolo se decatou do roubo, informado de quén fora o ladrón polo ancián Bato, dirixiuse ao monte Cileno. Alí Maia amosoulle un meniño no berce, incapaz de calquera trasnada. Daquela, Apolo acudiu a Zeus, quen lle ordenou a Hermes que restituíse o gando roubado. Pero cando Apolo escoitou a música que o rapaz producía coa lira, pediulla a cambio dos animais. Tempo despois inventaría a frauta. A cambio deste instrumento, Apolo deulle o seu caxato de ouro (o caduceo) e ensinoulle a arte da adiviñación. Ademais de heraldo de Zeus, protexeu a moitos heroes, como Ulises, Heracles e Perseo. É representado a miúdo con casco e sandalias aladas, co caduceo na man, e ás veces cun cordeiro nos ombros (Hermes Crióforo). Deus grego dos viaxeiros, pastores, mercadores, banqueiros, ladróns e adiviños, era invocado como condutor das ánimas dos mortos ao Hades. Os romanos déronlle o nome de Mercurio.