hierático -ca

hierático -ca

(< lat hieratĭcu < grἱερατικός)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ás cousas e usos sagrados nas relixións pagás.

  2. adx

    Que mostra rixidez e severidade, sen deixar ver ningún sentimento.

    Ex: As súas esculturas teñen unha expresión hierática. Asistiu hierática á lectura da sentencia.

  3. escritura hierática [ESCR]

    Tipo de escritura cursiva da xeroglífica. Naceu pola necesidade de aumentar a rapidez de escritura, feito que significou unha esquematización dos signos xeroglíficos. Documentada entre o 2684 a C e o 394, cambiou bastante de forma no decurso destes trinta e un séculos (hierático do Imperio Antigo, do Medio e do Novo). Durante estes tres períodos utilizouse, case exclusivamente, na administración, na correspondencia e na literatura, pero, a partir da aparición do demótico, restrinxiuse aos textos relixiosos e sacerdotais. O papiro e os óstraka eran os seus soportes principais. A escritura, orientada sempre de dereita a esquerda, era distribuída polo escriba en columnas, en liñas ou en ambas as dúas mediante un cálamo enchoupado en tinta (negra ou vermella) que previamente preparara nunha paleta. Son características especiais da escritura hierática o uso frecuente de ligazóns (unión de dous ou tres signos nun só trazo), feito que dificulta a súa lectura, e dun punto voado vermello para indicar a fin dun verso nas obras literarias. En hierático escribíronse algúns dos textos máis importantes do Exipto antigo, tanto no campo histórico como no económico, xudicial, literario ou humano. Destaca a colección de textos que se conserva no Museo de Antigüidades Exipcias de Turín.

Palabras veciñas

Hieraaetus | Hieracium | Hierápolis | hierático -ca | hieratismo | hierocracia | hierofanta