hípica
(< hípico)
Conxunto de especialidades deportivas en que interveñen xinetes e amazonas montados a cabalo, xa sexan de equipo, como o polo, ou individuais. As probas individuais inclúen as especialidades de doma, salto de obstáculos e fondo, ademais de carreiras en circuítos pechados (hipódromos). As especialidades de doma, saltos e fondo forman parte do programa oficial dos Xogos Olímpicos de verán desde Estocolmo 1912, aínda que tamén se disputaron probas de saltos nos de París 1900. Ata os Xogos de Londres 1948 un dos concursos olímpicos, o concurso completo, reservábase exclusivamente aos xinetes militares. A federación internacional de hípica xurdiu ao abeiro do movemento olímpico, cunha xuntanza en Lausanne en maio de 1921 dos delegados de 10 organizacións nacionais. A hípica é o único deporte olímpico en que participan animais e humanos e tamén o único en que compiten directamente homes e mulleres nunha única categoría. A cidade de Vigo acolleu probas da Copa do Mundo en 2001, 2002, 2003 e 2004. OBS: Tamén se denomina hipismo.