histérese
(< gr ὑστέρησις‘atraso’)
-
s
f
[FÍS]
Fenómeno polo que un material presenta, nun instante dado, un estado que depende non soamente da causa excitadora, senón tamén dos estados anteriores. A representación gráfica deste fenómeno, cando esta causa é periódica, constitúe o ciclo da histérese.
-
histérese dieléctrica
[FÍS]
Histérese que presenta un dieléctrico ao estar sometido a unha intensidade de campo E que produce a súa polarización P. Maniféstase nun condensador despois da descarga e dá lugar a unha carga residual.
-
histérese elástica
[FÍS]
Histérese que presenta un sólido ao aplicarlle unha carga inferior ao seu límite elástico; así, a deformación en función do esfrozo, non segue o mesmo camiño no proceso de deformación que no de recuperación. Na representación gráfica do ensaio esforzo-deformación dun sólido, o ciclo da histérese representa a deformación e recuperación posterior do sólido cando a carga é inferior ao límite elástico.
-
histérese magnética
[FÍS]
Histérese que presenta un corpo ferromagnético ao estar sometido á acción dun campo magnético que provoca a imantación do corpo. Adóitase representar graficamente, nos eixes B e H, o proceso cíclico que segue o material ao estar sometido sucesivamente a un campo magnético que primeiro crece nun sentido, a continuación diminúe, pasa a crecer en sentido contrario e, finalmente, volve diminuír ata anularse. Durante este proceso a imantación M do material e a indución B varían en función do valor do campo H. Na representación gráfica do ciclo da histérese, a área incluída equivale á potencia perdida por histérese, que se manifesta en forma de calor.