holograma
(< holo- + -grama)
Negativo fotográfico transparente impresionado a consecuencia da interferencia de dous feixes de luz coherentes e que, iluminado e observado axeitadamente, reproduce unha imaxe en relevo do obxecto fotografado. O principio óptico do holograma foi descuberto por D. Gabor en 1947, pero non foi posto en práctica ata o desenvolvemento dunha fonte eficiente de luz coherente, o láser, que foi aplicado neste eido por E. N. Leith, J. Upatnieks e C. W. Stroke en 1963. A luz emitida por un láser divídese en dous feixes mediante un espello semitransparente. O feixe de referencia ilumina o negativo fotográfico, mentres que o feixe obxecto ilumina o obxecto a fotografar; a luz que este difracta ilumina tamén o negativo fotográfico. A interferencia destes dous feixes sobre o negativo fotográfico produce a impresión dunha trama de franxas interferenciais. Así obtense o rexistro do holograma. Mediante a iluminación do holograma por un feixe láser, un observador que mira a través do holograma ve no seu interior aparente unha imaxe tridimensional do obxecto orixinal.