hórreo
(< lat horrĕu)
-
s
m
[ETN]
Construción destinada a secar e gardar o millo. A súa estrutura está composta por unha cámara de forma rectangular ou cuadrangular, elevada sobre un determinado número de parellas de columnas ou pés dereitos que son os soportes máis xeneralizados, construídos en pedra e con diferentes formas como a troncopiramidal. A cámara tamén pode estar sobre cepas, muros transversais que teñen a mesma anchura que aquela e están feitas de cachotería ou cantería, ou ben pode estar sobre celeiros que, xeralmente, son catro muros de cachotería ou cantería que cerran o espazo situado debaixo da cámara, formando un espacio dedicado a almacenamento. Os soportes adoitan ter unha altura entre 80 e 150 cm e o número de parellas depende da lonxitude do hórreo. Estes soportes na súa parte superior rematan nunhas pezas, os tornarratos, de forma circular, destinadas a impedir o acceso dos roedores. O piso da cámara está formado por grosos taboleiros ou lousas de granito. A estrutura de cerramento é un esqueleto armado cun número de columnas case igual ao de pés ou de cepas. Estas columnas únense na parte inferior por un conxunto de pedras chamadas soleiras, e na superior polos linteis chamados padieiras, onde descansa a cuberta. Os costais son o elemento máis delicado, pois teñen a función de conseguir unha ventilación axeitada. O aire pasa a través destas paredes de diferentes maneiras, segundo o material empregado. A entrada á cámara faise mediante unha porta situada nos costados ou na fronte. O tellado é, xeralmente, a dúas augas e levan pechados os triángulos frontal e traseiro. Ármase como os das casas con tella ou colmo. Ás veces a cuberta voa polos laterais e pode aparecer protexida por unhas lousas de granito colocadas sobre a prolongación do pinche, denominadas sobrepenas. Os remates do tellado adoitan presentar formas moi variadas; predominan, sobre todo, as cruces e os pináculos ou bicos. A cruz, que é o ornamento máis estendido, pode ser moi sinxela ou levar moitos adornos. Este semella ser un elemento simbólico que vén representar a fartura e a fecundidade da xente da aldea. En canto á tipoloxía do hórreo, pódense distinguir tres variantes: o de planta redonda, cadrada e rectangular; e, segundo os materiais empregados para a súa construción, encóntrase o cabaceiro de planta redonda e realizado con varas entretecidas de carballo, vimbio ou salgueiro, e cunha configuración semellante á dos cestos; o de madeira, o máis estendido; os mixtos, de pedra e madeira e os de pedra, que abranguen maioritariamente as zonas costeiras debido ás condicións climatolóxicas, especialmente a humidade. A orixe da construción en xeral é probable que se remonte xa aos habitantes dos castros, e que fose empregado como secadoiro do paínzo. A forma do hórreo varía dunhas comarcas a outras e recibe moitas denominacións en función da área xeográfica onde se asenta e dos materiais cos que está construído. OBS: Dependendo da zona pode recibir diferentes denominacións, como cabaceiro, cabaceira, cabazo, cabeceira, cabás, caustra, canastro, caroceiro, canizo, celeiro, graneiro, palleira, piorno, sequeiro ou bergueiro.
-
s
m
[ARQUIT]
Almacén ou graneiro, da casa romana, realizado xeralmente con grandes compartimentos ou nichos situados ás beiras dun corredor.
Refráns
- A tulla sen centeo é coma o prado sen rego.
- Metín O rato no celeiro e fíxose o meu herdeiro.