iconoclastia
(< iconoclasta)
Doutrina contraria á veneración das imaxes ou iconas, que dominou o mundo bizantino entre os ss VIII e IX. A controversia xurdiu do edicto do Emperador León III contra as imaxes (725). Os defensores das imaxes, entre eles Xoán Damasceno, foron obxecto de persecución. O Papa Gregorio III condenou o emperador (731). Constantino V Coprónimo convocou un concilio iconoclasta no palacio de Hieria. A rexencia da Emperatriz Irea facilitou a celebración do Concilio II de Nicea (787) que restableceu o culto das iconas. Un novo período iconoclasta comezou con León V o Armenio (813). Finalmente, durante a rexencia de Teodora, celebrouse definitivamente o triunfo das iconas coa festa da Ortodoxia, o primeiro domingo da Coresma de 843, festa que perdura no rito bizantino. A cuestión da iconoclastia contribuíu á separación progresiva do cristianismo de Oriente e do Occidente.