Idaho
Estado de EE UU, no O do país (216.432 km2; 1.293.953 h [2000]). A súa capital é Boise. Limita ao N con Canadá, ao L cos estados de Montana e Wyoming, ao S cos de Utah e Nevada e ao O cos de Oregon e Washington. O N e o centro do estado forman parte da vertente occidental das Montañas Rochosas. A rede hidrográfica artéllase ao redor do Columbia e os seus afluentes, Snake e Salmon. O clima é continental. Malia que o crecemento ao longo do s XX foi espectacular en termos porcentuais (medrou un 700% desde os 161.772 h de 1900) a densidade de poboación é moi baixa e, a pesar de que a poboación urbana constitúe o 50%, son moi poucos os núcleos urbanos que superan os 100.000 h. Nas chairas do S desenvolveuse unha próspera economía agropecuaria, baseada no cultivo de cereais e na cría de gando bovino. Posúe tamén importantes xacementos metalíferos (cobre, mercurio, ouro e prata). Os encoros convérteno nun dos estados da Unión con maior potencial hidroeléctrico. O territorio de Idaho foi ocupado conxuntamente por británicos e estadounidenses entre 1818 e 1846. En 1863 foi admitido como territorio de EE UU, status que mantivo ata 1890, cando se converteu en estado da Unión.