Ilíada

Ilíada
[LIT]

Poema épico atribuído a Homero. Consta de máis de quince mil hexámetros, divididos en 24 cantos, e ten por tema a ira (μ ῆ νις) e posterior vinganza do heroe grego Aquiles. Baseado nun feito histórico comprobado polos arqueólogos (Schliemann, Dörpfeld), que supostamente aconteceu moitos séculos antes da época en que foi escrito, a historia narrada desenvólvese nunha atmosfera heroica de fantasía. Outra das súas características é a descrición de cousas inanimadas como o mar, que se converte nun protagonista indiscutible e é nomeado constantemente en toda a súa beleza e detallando cada un dos seus estados: bravo, calmado, purpúreo e esplendoroso, en consonancia co estado anímico do lector. Cronoloxicamente sitúase no último ano da Guerra de Troia, que constitúe o fondo da trama. Aquiles, insultado e desposuído dunha cativa polo seu comandante en xefe, Agamemnon, cabeza do exército grego que bloqueou a cidade de Troia para rescatar a Helena, retirouse da batalla, abandonando os seus compatriotas. A súa ausencia ocasionou desastres terribles aos gregos, que sufriron terribles derrotas a mans dos troianos. Aquiles rexeita os sucesivos intentos de reconciliación por parte dos gregos, pero permitiulle ao seu compañeiro Patroclo poñerse á cabeza das súas tropas. Non tomou as armas ata que soubo do asasinato do seu amigo Patroclo por Héitor, xefe dos troianos e fillo de Príamo; daquela, o heroe, presa de furia e rancor, vingou a morte do seu amigo dándolle morte a Héitor nun combate singular. O poema conclúe cando Aquiles lle entrega o cadáver de Héitor a Príamo, para que este o enterre, recoñecendo así certa afinidade co rei troiano, posto que ambos deben enfrontarse á traxedia da morte e o loito.

Palabras veciñas

ILi | 1 ilíaco -ca | 2 ilíaco -ca | Ilíada | Iliberri Iliberis | ilicáceo -a | ilicina