Illa de Arousa, A
Concello da comarca do Salnés situado na provincia de Pontevedra no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. Ocupa a illa de Arousa, na ría do mesmo nome. Integrado por unha única parroquia, abrangue unha superficie de 7 km 2 c unha poboación de 4.889 h (2007). A capital municipal é a vila de Arousa, situada a 42° 33’ de latitude N e 8° 51’ de lonxitude O, 59 km ao SO de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Cambados e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O territorio da Illa de Arousa está baixo o dominio climático oceánico húmido, aínda que con tendencia á aridez estival. Recóllense precipitacións anuais medias entre 1.000 e 1.250 mm, cunha distribución estacional que amosa unha forte seca estival: máis dun tercio das precipitacións rexístranse nos meses do inverno e outro tanto acontece no outono, mentres que no verán só Se recolle un 10% das chuvias anuais. A temperatura media anual sitúase entre os 14°C e os 15°C, nun ambiente térmico no que a oscilación anual é pequena, pois as temperaturas medias do mes máis frío (xaneiro) non baixan dos 9°C, e as do mes máis cálido (xullo) non superan os 20°C. Xeomorfoloxicamente correspóndese con dous inselbergs residuais dun antigo batolito de granodioritas (hoxe asolagado na súa maior parte logo dun complexo proceso tectónico de subsidencia e transgresión mariña), unidos por un depósito de praia no N. O relevo é moi suave, e a súa cota máxima son os 66 m de altitude do monte Palmeira, no NO. O extremo meridional da illa constitúe unha área de excepcional interese ambiental; a Punta Carreirón, protexida baixo a figura de espazo natural en réxime de protección xeral do Complexo intermareal Umia-O Grove. Nos seus 16 km de costa altérnanse grandes areais (con complexos dunares), como as praias de Salinas, do Vao e de Riasón (todas elas na beira oriental) e sectores rochosos.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada pola Illa de Arousa no s XX levouna a triplicar a súa poboación, nun incremento, ao iniciar o s XXI, do 207% respecto dos 1.587 h de 1900. Este crecemento foi continuo e practicamente uniforme, debido á súa localización nunha área economicamente dinámica, onde as actividades pesqueiras fornecían unha próspera economía local. Así, a poboación mantivo un ritmo de constante aumento (1.587 h en 1900, 3.530 h en 1960 e 4.341 h en 1981) ata o remate da centuria. O crecemento vexetativo é positivo (3,9‰), froito dunha taxa de natalidade alta(12,5‰) e unha mortalidade moderada (8,6‰). A composición por idades mostra unha poboación nova na que os menores de 20 anos supoñen o 19,9% da poboación fronte ao 16,6% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 63,4%. A distribución da poboación por sexos reflicte un lixeiro desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 50,35% da poboación municipal fronte ao 49,63%. O poboamento concéntrase no N, na vila de Arousa, asentada sobre un istmo que une o extremo NO co resto da illa.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Illa de Arousa é do 61,2% (72,8% a masculina e 50% a feminina); a taxa de ocupación é do 56,5% (69,5% a masculina e 43,9% a feminina) e a taxa de paro é do 7,7% (4,5% a masculina e 12,1% a feminina). Debido á súa condición de illa e ao feito de estar situada no interior dunha ría como a de Arousa, as actividades económicas están intimamente relacionadas co mar. Por unha banda, o seu porto concentra as descargas das capturas da numerosa flota (hai censadas nel máis de 400 embarcacións) e das bateas dedicadas ao cultivo de bivalvos (fundamentalmente mexillóns) nos polígonos máis próximos a el. Unha gran parte do peixe e dos moluscos descargados no porto abastecen a producción da industria conserveira local. O 60,4% dos ocupados traballan no subsector pesqueiro, mentres que na agricultura só traballan o 0,7% dos ocupados. A industria dá traballo ao 10,3% e a construción ao 8,4%. O mar tamén constitúe o recurso principal para a diversificación das actividades terciarias (20,2%), pois á parte das propias da administración (extraordinariamente desenvolvidas dende a creación do concello de seu) e os servizos máis básicos, a hostalería e os servizos relacionados co turismo medraron en relación á afluencia de visitantes ás praias do municipio. A principal vía de comunicación do concello é a ponte de 1.800 m de lonxitude que une a illa con terra firme dende a súa inauguración en 1985 (estrada PO-307).
Historia
Segundo as fontes documentais deixadas por Plinio, pódese deducir que os annios insulae foran os poboadores desta illa sobre o s I. Atopáronse vestixios de poboación na praia dos Bufos, onde hai unha necrópole de época prerromana, e preto da punta de Nasas, onde houbo unha vila romana. No ano 912 a metade da illa pasou a pertencer ao mosteiro de San Martiño Pinario, da diocese de Compostela, por unha doazón do bispo Sisnando I. No 929, fundouse un mosteiro por orde de Afonso IV, baixo a advocación de San Xián. No s XII, foi invadida polos musulmáns e o bispo Xelmírez ordenou a construción de naves para a defensa da costa na ría. No s XIX foi un importante centro conserveiro e de salgadura, pioneiro en Galicia, con sete centros conserveiros de salgadura e a primeira fábrica de conservas da era moderna. Nas experiencias municipalistas do primeiro tercio do s XIX, levadas a cabo ao abeiro da Constitución de 1812 (entre 1812 e 1814 e entre 1820 e 1823), a Illa de Arousa formou concello de seu. Non obstante , a instauración definitiva da administración municipal a partir de 1836 deixou a parroquia incluída no concello de Vilanova de Arousa, no que permaneceu ata que as reivindicacións segregacionistas foron atendidas. O 1 de xaneiro de 1997 a Illa de Arousa constituíuse de novo como concello. Unha comisión xestora gobernouno ata a celebración das primeiras eleccións municipais, en xuño de 1999, cando se elixiu a primeira corporación municipal.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio cultural destaca a igrexa parroquial, construída en estilo neoclásico no s XIX, e as imaxes do Corazón de Xesús, instalada na parte máis alta da illa realizada pola Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela, e a da Virxe do Carme, situada no paseo marítimo do Cantiño e obra de Alfonso Vilar Lamelas. Cómpre destacar tamén o Faro, construído no s XIX polo enxeñeiro Caledonio de Uribe, e, no eido da arquitectura tradicional, o muíño das Mareas situado nas Aceñas, camiño de C arreirón, realizado no s XVII. A Illa de Arousa forma parte do Complexo Ons-O Grove, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse as festas do Carme e as de San Xulián, patrón da illa, ademais do Entroido e as festas gastronómicas do Mexillón e do Polbo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Salnés, O |
| Extensión | 6 Km2 |
| Poboación Total | 4889 h |
| Poboación Homes | 2427 h |
| Poboación Mulleres | 2462 h |
| Densidade de poboación | 814.83 h/Km2 |
Parroquias
| Illa de Arousa, A |