inca
(< quechua inca)
-
-
adx
Relativo ou pertencente aos incas.
-
s
[ETN/HIST]
Membro da familia real dos incas.
-
s
[ETN/HIST]
Individuo do pobo inca.
-
s
[ETN/HIST]
Pobo de fala quechua orixinario da zona próxima ao lago Titicaca. Segundo as súas tradicións iniciaron a expansión co monarca mítico, Manco Cápac I, que estableceu a cidade de Cuzco. Coa coroación do inca Pachacútec Inca Yupanqui (1438) comezou o imperio histórico e a súa expansión máis alá das fronteiras do Perú actual. En 1471 sucedeuno o seu fillo Túpac Inca Yupanqui, que estendeu o imperio ata o centro de Chile, o altiplano boliviano e as selvas amazónicas. O seu fillo Huayna Cápac sucedeuno en 1493 e dedicouse a consolidar o imperio, mellorar a administración, as comunicacións e as defensas. Á súa morte (1525), dividiu o imperio entre os seus fillos Atahualpa, fillo dunha segunda esposa, e Huáscar, fillo da primeira esposa (coya) e heredeiro auténtico. As desavinzas entre ambos os dous irmáns foron aproveitadas por F. Pizarro, que culpou a Atahualpa da morte de Huáscar e ordenou a súa execución en Cuzco (1533). Durante os primeiros tempos da dominación española o imperio prolongouse nos reinados de Manco Cápac II (1536-1545), Sayri Túpac (1545-1560) e Tipu Cusi (1560-1571). O Imperio Inca concluíu coa resistencia do último descendente dos incas, Túpac Amaru I, que morreu en Cuzco (1572). A cultura dos incas caracterizouse pola súa orixinalidade. A base do imperio foi a perfecta organización do traballo da terra, da gandería e da minería, xunto cun extenso sistema de estradas que permitía controlar todo o territorio. Os campesiños tiñan que traballar as terras dos sacerdotes e do inca (prestación de traballo persoal ou mita); así mesmo, tiñan a obriga de traballar nas minas e formar parte do exército. Á fronte do imperio estaba o inca, personaxe de orixe divina e descendente do Sol, cun poder que non tiña límites. O seu sucesor era elixido polo propio soberano entre os seus descendentes, pero normalmente era o fillo da coya. A relixión incaica era o resultado da fusión de tres tradicións distintas: a civilización de Tiahuanaco, as civilizacións mochica e chimú, sometidas polos incas no s XV, e a propia tradición inca. Nela mesturábanse crenzas animistas e fetichistas co culto ás forzas da natureza. As principais divindades eran o Sol (Inti), a Lúa (Mamaquilla) e o deus creador (Viracocha), que lles ensinou aos homes o cultivo da terra, o tecido e todas as artes.
-
arte inca
[ARTE]
Arte desenvolvida polos incas. A arquitectura é esencialmente utilitaria e manifesta unha grande habilidade no traballo da pedra que permitiu construír grandes obras de enxeñería, como terrazas de cultivo, canais de irrigación, depósitos de auga, almacéns fortificados e camiños enlousados. Os muros tiñan unha certa inclinación e os tellados eran de madeira. Na arquitectura militar construíronse fortalezas, como as de Sacsahuamán, ao N de Cuzco, e murallas defensivas, como as de Machu-Pichu, santuario declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1983). No eido do urbanismo destaca a configuración de Cuzco, baseada en dúas diagonais que se cruzan nunha praza central e que forman catro zonas. Na cidade atópanse templos, como o recinto sagrado de Coricancha, e palacios (Colcampata). Os cronistas casteláns dan noticia de xoias de ouro e prata, e do gran desenvolvemento dos tecidos coa elaboración de mosaicos de plumas cos que decoraban os mantos, coroas e os grandes toucados das cerimonias. Non coñecían a roda de oleiro e a cerámica modelábase á man, aínda que se empregaban moldes para a fabricación en serie. As pezas eran de uso doméstico ou ritual. A pintura empregábase para a decoración de botes de madeira (queros) e as representacións escultóricas, realizadas en pedra, eran zoomórficas e fitomórficas.
-
adx
-
s
m
[ANTROP/FISIO]
Óso supernumerario do cranio, situado na parte superior da escama do occipital, na rexión da sutura lambdoidea. Críase que era unha anomalía dos incas, pero tamén a teñen outros grupos, como os indios de Arizona ou Columbia.
Sinónimos: interparietal.