Incio, O

Incio, O


Concello da comarca de Sarria, situado na provincia de Lugo no L da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Sarria e Samos (ambos os dous da comarca de Sarria), o L co de Samos, ao O co de Paradela (na comarca de Sarria) e ao S cos de Bóveda e A Pobra do Brollón (ambos os dous da Terra de Lemos). Abrangue unha superficie de 146,2 km 2 , nos que acolle unha poboación de 2.185 h (2007), distribuída nas parroquias de Bardaos, Castelo de Somoza, A Cervela, Covela, Eirexalba, Foilebar, Goó, O Hospital, O Incio, Laiosa, Noceda, Pacios, Reboiro, Rendar, Rubián de Cima, San Pedro do Incio, San Román do Mao, San Salvador do Mao, Santa María do Mao, Santa Mariña do Incio, Santalla de Bardaos, Sirgueiros, Toldaos, Trascastro, Vila de Mouros, Vilarxoán, Vilasouto e O Viso. A capital municipal é A Cruz do Incio, na parroquia do Incio, situada a 42° 39’ de latitude N e 7° 21’ de lonxitude O, 52 km ao S de Lugo e 152 km ao L de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Sarria e á diocese de Lugo.
Xeografía física
O concello do Incio localízase nunha área de transición entre os dominios climáticos oceánico húmido, oceánico mediterráneo e oceánico de montaña. As áreas central e occidental caracterízanse pola presenza de trazos de continentalidade e mediterraneidade, derivados do efecto de abrigo froito da compartimentación do relevo ao redor da depresión de Lemos. As precipitacións non superan os 850 mm de media anual, cun réxime pluviométrico de influencias mediterráneas, pois o período chuvioso redúcese a cinco meses (de novembro a marzo). A temperatura media anual acada os 14°C e a amplitude térmica sitúase en 15°C. Os invernos non son excesivamente fríos (a temperatura media de xaneiro é de 7°C), e os veráns son calorosos (a media de xullo é de 22°C). As xeadas son frecuentes no inverno, pero excepcionais o resto do ano. Pola contra, a área montañosa oriental ten un clima máis rigoroso: as precipitacións anuais medias elévanse coa altitude ata os 1.500 mm; os invernos son termicamente moi crus, con medias inferiores aos 3°C (2,5°C en xaneiro), mentres que os veráns son de días calorosos e noites frescas (16°C de temperatura media en xullo). A neve é frecuente (25 xornadas anuais) e o risco de xeadas esténdese todo o ano. O relevo divídise en dúas áreas ben diferenciadas. Por unha parte, o tercio oriental forma parte dos contrafortes da serra do Courel. Na serra de Oribio (1.443 m), intensamente fracturada e desecada pola erosión fluvial, acádanse as maiores altitudes (Modorriñas, 1.162 m; monte das Pías, 1.131 m); esta serra acolle un dos poucos afloramentos de rochas calcarias en Galicia. Por outra parte, as áreas central e occidental pertencen á depresión de Lemos, conca sedimentaria achairada de cronoloxía terciaria pola que discorren os ríos Nogueirido e Mao (sobre o que se construíu o encoro de Vilasouto). Non obstante , o río máis importante é o Cabe, afluente do Sil que nace a 960 m de altitude na parroquia de Foilebar e percorre o sector oriental do concello. O Cabe captura o Mao fóra do concello (na parroquia monfortina da Parte) e como xa augas arriba (en Trascastro) capturara ao Antiga, é o colector que drena toda a superficie municipal.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada polo concello do Incio no s XX foi tremendamente negativa, pois a poboación reduciuse ao 28,8% respecto da censada en 1900, cando sumaba 8.425 h. A incidencia da emigración foi constante e particularmente intensa. Ata 1930 a emigración, que se dirixiu principalmente cara ao continente americano, fixo diminuír anualmente a poboación un promedio do 0,56%, de xeito que ficou nos 7.010 h. A crise económica mundial de 1929 e os conflictos bélicos (Guerra Civil e Segunda Guerra Mundial) supuxeron unha barreira case que infranqueable para esa opción, de xeito que a partir de 1930 a poboación volveu medrar, a un ritmo medio do 0,6% anual. A mediados da década de 1940, concluídos eses grandes conflictos, volveuse producir un novo desprazamento emigratorio cara a Sudamérica, que na década seguinte pasou a dirixirse aos países máis desenvolvidos de Europa Occidental. Na década de 1970 as áreas españolas máis desenvolvidas e as cidades galegas convertéronse nos novos polos de atracción emigratoria. En 1981 a poboación diminuíra ata os 4.003 h; o descenso continuou e en 2001 contabilizaba 2.427 h. Como resultado desta evolución tan negativa a a poboación está avenllentada pois os maiores de 65 anos constitúen o 42,2% da poboación, mentres que os menores de 20 anos só representan o 7,2% (mentres que o grupo intermedio representa o 50,6%), que repercutiu nun comportamento vexetativo moi negativo (-10,4‰, en 2006), consecuencia dunha mortalidade moi elevada (12,9‰) e unha natalidade ínfima (2,5‰) que acentuou o declive demográfico. A maior esperanza de vida feminina favorece que a estrutura por sexos amose un notable desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 52,40% da poboación, fronte ao 45,59% dos homes. O poboamento concéntrase na área occidental do concello debido a que é chaira -e, xa que logo, máis axeitada para o cultivo-, posúe un clima benigno e está mellor comunicada cos núcleos urbanos próximos, como Lugo, Monforte de Lemos e Sarria.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello do Incio é do 41,2% (50,6% a masculina e 32,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 36,5% (44,3% a masculina e 29,1% a feminina) e a taxa de paro é do 11,4% (12,5% a masculina e 9,7% a feminina). As actividades agropecuarias, que ocupan o 36,9% dos traballadores, manteñen a hexemonía no concello, aínda que a economía local xira en gran medida ao redor das rendas achegadas polos pensionistas e xubilados, que constitúen os ingresos principais en moitos fogares. Predomina a orientación gandeira no sector agropecuario, que se viu favorecida pola posibilidade de agrupar parcelas abandonadas polos emigrantes e dedicalas a pastos. O censo bovino suma 3.673 cabezas (1999), a maioría destinadas á producción cárnica. Un gran problema nas explotacións agropecuarias é a elevada idade media dos propietarios, que fai que tendan cara á desaparición. O sector secundario ten unha repercusión moi escasa no emprego (10,6% na industria); tan só destaca a explotación Magnesitas de Rubián, situada en Vila de Mouros, que conta con máis de 60 traballadores. A construción ten unha significación moi cativa debido á escasa demanda edificativa, e ocupa só o 9,9% dos traballadores residentes no concello. O sector terciario está condicionado pola proximidade de Monforte de Lemos e Sarria. En total dálle traballo ao 42,4% da poboación ocupada; sobresaen os servizos sociais e da Administración Pública,. Polo que respecta á rede de comunicacións, O Incio conta coa estrada comarcal de Sarria a Monforte de Lemos, que discorre paralela ao curso do río Cabe, pasando pola Cruz do Incio, e coa que comunica A Pobra do Brollón con Triacastela e Sarria.
Historia
Os primeiros indicios de poboamento neste concello poden datarse no Paleolítico cando con probabilidade foron habitadas covas como as de Bermún, Toldaos e A Sapeira; aínda que os primeiros restos arqueolóxicos atopados pertencen ao megalitismo, como a necrópole do monte de Santa Mariña, composta por numerosos túmulos. Durante este período continuou a explotación dos filóns de ferro existentes e desenvolveuse unha actividade siderúrxica, que continuou ao longo da época medieval, moderna e contemporánea. As primeiras noticias documentais datan do s XII, cando O Incio se cita xunto á parroquia de San Pedro Fiz de Hospital, onde a orde militar de San Xoán de Xerusalén fundara un pequeno hospital de peregrinos. Na Idade Media o mosteiro de Samos estendeu a súa xurisdición por estas terras e favoreceu o asentamento de novas comunidades dependentes como as de San Román, Santa María e San Salvador do Mao. No s XIX construíuse o hotel balneario no que se aproveitaban con fins medicinais e turísticos as augas ferruxinosas do concello. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello do Incio pertenceron ás xurisdicións do Incio e Broza (que baixo o señorío da orde de San Xoán incluía as parroquias de Foilebar, O Hospital, O Incio, San Pedro do Incio, Santa Mariña do Incio e Trascastro), Rendar e Sirgueiros (Goó, Reboiro, Rendar, Sirgueiros, O Viso e Toldaos), Samos (señorío do mosteiro benedictino sobre as parroquias de San Román do Mao, Santa María do Mao e San Salvador do Mao, Pacios e Vilarxoán) e Somoza Maior de Lemos (señorío do conde de Lemos sobre Bardaos, Castelo de Somoza, A Cervela, Covela, Eirexalba, Noceda, Rubián de Cima, Santalla de Bardaos, Vila de Mouros e Vilasouto), ademais do couto redondo da parroquia de Laiosa. Coa promulgación da Constitución de 1812 (vixente nos períodos 1812-1814 e 1820-1823) suprimiuse a administración señorial e estableceuse unha administración municipal, que deu lugar á creación dos concellos do Incio, Reboiro e Somoza Maior sobre o territorio das súas respectivas xurisdicións (O Incio e Broza, Rendar e Sirgueiros e Somoza Maior de Lemos); ademais, as parroquias da antiga xurisdición de Samos integráronse no novo concello homónimo. A definitiva instauración do constitucionalismo e do municipalismo tivo lugar en 1835, cando se crearon os concellos do Incio, Samos e Somoza Maior de Lemos. En 1840 a capital do Incio pasou á parroquia de Rendar e, cinco anos despois, mudouse o nome do concello polo da nova capital. Tamén en 1840 desapareceu o concello de Somoza Maior de Lemos, que se integrou en Bóveda provisoriamente, pois en 1845 as parroquias de Bardaos, Castelo de Somoza, A Cervela, Covela, Eirexalba, Laiosa, Noceda, Rubián de Cima, Santalla de Bardaos, Vila de Mouros e Vilasouto integráronse en Rendar. En 1866 a capital do concello de Rendar regresou á Cruz do Incio, feito que propiciou a recuperación do nome do concello do Incio en 1872. Finalmente, en 1899 agregáronse ao Incio as parroquias de Foilebar e Vilarxoán, segregadas de Samos.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, hai que salientar os gravados rupestres da Cervela, pena do Chao, pena Escrita e agro do Pepe. No eido da arquitectura relixiosa sobresae o santuario de Santo Eufrasio, de orixes románicas, a igrexa de San Cristovo da Cervela e o conxunto románico do Hospital do Incio, declarado BIC en 1995. Durante a restauración deste conxunto (1986), encontrouse unha peza escultórica de excepcional valor arqueolóxico que representa a crucifixión e que se considera unha das mostras máis valiosas da arte paleocristiá galega. Da arquitectura civil destacan os pazos de Dompiñor (1485 e 1750), da Edra, dos Quiroga e da Ferrería (s XV), as casas de Pereira de Riba e Castroagude, dos Somoza e de Albaredo e o hotel balneario construído en 1884. Do seu patrimonio natural destaca o espazo dos Ancares-Courel, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran ten grande son a festa de Santo Eufrasio, o 15 de maio, e a de Sn Zoán de Sirgueiros en xuño.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Sarria
Extensión 146 Km2
Poboación Total 2185 h
Poboación Homes 104 h
Poboación Mulleres 1145 h
Densidade de poboación 14.97 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias