infografía

infografía

(< ingl informationalgraphics ‘gráfica informativa’)

  1. s f [TECNOL]

    Técnica que permite a exposición dunha información a través de palabras e debuxos, independentemente de que estes foran creados coa axuda da informática. Nos medios de prensa escrita, trátase dunha achega informativa, realizada con elementos icónicos tipográficos, que permite ou facilita a comprensión dos acontecementos, accións ou cousas da actualidade ou algúns dos seus aspectos máis significativos, e acompaña ou substitúe o texto informativo. Poden distinguirse dous grandes grupos: as individuais, nas que se trata un único tema, e as colectivas, que son infografías continente que serven para situar outras de menor tamaño. O traballo infográfico na prensa cumpre oito requisitos fundamentais: dá significado a unha información plena e independente; proporciona a información de actualidade suficiente; permite comprender o suceso acontecido; contén información escrita con formas tipográficas, así como elementos icónicos precisos; pode ter capacidade informativa suficiente para ter entidade propia ou realiza funcións de síntese ou complemento da información escrita; proporciona certa sensación estética e non contén erratas ou faltas de concordancia. A función da infografía é a de resumir o máis importante dunha noticia e achegar datos complementarios ao artigo escrito. Para as empresas de comunicación, as imaxes fan máis atractivo o produto e permiten obter un maior número de lectores e consumidores. Por todas estas razóns, os periódicos e as revistas conteñen hoxe en día un maior número de elementos visuais (cores e fotografías), que provocan reaccións positivas no lector. O primeiro exemplo infográfico apareceu no periódico londinense The Times o 7 de abril de 1806, e coa aparición dos ordenadores e dos programas de deseño e debuxo, mellorouse substancialmente a contribución deste sistema aos medios de prensa escrita. En España, os medios pioneiros no tratamento informático da infografía foron El Periódico de Catalunya, La Vanguardia, El Mundo e o diario deportivo Marca.

  2. s f

    Imaxe obtida mediante esta técnica.

Palabras veciñas

influenza | influír | influxo | infografía | infógrafo -fa | infolio | infondura