inmunoloxía
(< inmuno- + -loxía)
Parte da medicina que estudia a inmunidade. Iniciouse como unha disciplina que tentaba comprender a resistencia á infección, que nun principio se consideraba como a única función do sistema inmunitario. A comezos do s XX coñeceuse a súa relación coa hipersensibilidade ou alerxia, esclareceu as funcións biolóxicas xerais do sistema inmune e relacionou a inmunidade co cancro, coas dificultades xurdidas á hora dos transplantes de órganos dun individuo a outro e coa capacidade de producir enfermidades ao lesionar os tecidos normais. Actualmente, é un dos campos da medicina en que se investiga máis, xa que cada vez se fai máis patente que nos fenómenos inmunolóxicos se atopan boa parte dos mecanismos que explican o desenvolvemento de bastantes enfermidades.