Instituto Nacional de Industria
Organismo público español creado en 1941 para financiar e impulsar a creación de industrias, en especial as dedicadas á defensa e desenvolvemento autárquico do país. En 1968 pasou a depender do Ministerio de Industria. Participaba principalmente nos sectores siderúrxico (ENSIDESA), da construción naval (ASTANO, Astilleros Españoles), da minería, do transporte aéreo (Iberia Líneas Aéreas de España SA, Aviaco) e do aluminio e, en menor medida, en moitos outros sectores e na creación de empresas no exterior. Durante a década de 1970 proseguiu unha política subsidiaria respecto á industria privada, especialmente coa absorción de empresas en dificultades (SEAT, ENASA, Construciones Aeronaúticas SA) e o investimento en infraestrutura básica enerxética (ENDESA, ENHER, Butano SA) e industrial (EN de Fertilizantes SA, EN de Celulosa SA). En 1981 segregáronse as empresas do sector enerxético petroleiro (Empetrol, Hispanoil, ENAGAS, Butano SA) que foron transferidas ao Instituto Nacional de Hidrocarburos. En 1986 púxose en práctica un plan de saneamento a través sobre todo da privatización parcial, despois da que o INI quedou constituído basicamente polos sectores siderúrxico (ENSIDESA, Altos Hornos de Bizkaia), da construción naval (Astilleros Españoles, ASTANO) e da defensa. Para mellorar a competitividade no mercado único europeo e adecuarse á normativa comunitaria como empresa pública, en 1992 segregáronse algunhas empresas e constituíron o grupo Teneo, que trala disolución do INI en 1995 integrouse na Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI).