Instituto Nacional de las Artes Escénicas y la Música
Institución creada en 1982 polo Ministerio de Cultura coa finalidade de canalizar e desenvolver a súa política en relación coa música, a danza, a ópera, o teatro e outras manifestacións culturais e escénicas. Amais da promoción, a creación e a distribución de produtos propios das artes escénicas e da música, o INAEM conta con diversos organismos, como o Teatro Lírico Nacional, o Centro Dramático Nacional, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro de Documentación Teatral, o Centro de Documentación de la Música y de la Danza, a Compañía Nacional de Danza, o Ballet Nacional de España, o Teatro de la Zarzuela, a Orquesta Nacional de España, a Joven Orquesta Nacional ou o Museo del Teatro. A estrutura do INAEM conta cun presidente e dúas subdireccións xerais, a de música e danza e a de teatro.