intelixencia

intelixencia

(< lat intelligentĭa)

  1. s f
    1. [PSIC]

      Facultade ou capacidade do home para comprender o mundo e tomar consciencia para resolver situacións novas mediante unhas respostas tamén novas ou para aprender a facelo. Chámaselle intelixencia á facultade do coñecemento (sensación, memoria, razoamento) en oposición á facultade afectiva e motora; pero, nun sentido máis estricto, intelecto refírese ao coñecemento conceptual e racional, isto é, á capacidade de adaptar reflexivamente uns medios a uns fins.

    2. Capacidade dalgúns animais para comprender e adaptarse a certas situacións por enriba do instinto.

  2. s f

    Capacidade intelectual elevada.

    Ex: No concurso demostrou moita intelixencia.

  3. s f

    Comprensión dalgunha cousa.

    Ex: O vocabulario que aparece no apéndice axuda á intelixencia do libro.

  4. s f

    Habilidade e destreza para resolver problemas novos.

    Ex: Ten saído de moitos apuros grazas á súa intelixencia.

  5. intelixencia artificial [INFORM]

    Rama da informática centrada na representación simbólica do coñecemento e dos métodos de inferencia simbólica por ordenador. Desenvolveuse coas técnicas utilizadas no deseño de autómatas capaces de realizar funcións próximas ás da intelixencia humana. As actividades da intelixencia artificial son o procesamento da linguaxe natural, a recuperación intelixente da información nunha base e datos, os sistemas expertos, a demostración de teoremas, a robótica, a programación automática ou os problemas da percepción. As técnicas que emprega son a representación e modelización de coñecementos, as estruturas de control, a investigación, a planificación, a dedución, a aprendizaxe, e as linguaxes e os sistemas propios da intelixencia artificial. Pódese considerar que o seu pai foi o matemático A. Turing, e un dos maiores detractores o tamén matemático J. Von Newmann. A aparición da teoría da información de Shannon e da cibernética de Wiener, proporcionaron unha explicación para moitas situacións que comprendían desde o comportamento dos circuítos electrónicos ata o comportamento da división celular. Deste xeito as investigacións orientáronse a considerar a máquina como un sistema autoorganizativo, que responde aos estímulos e modifica o seu comportamento coa finalidade de chegar á estabilidade.

Refráns

  • Moitos durmindo fan máis que moitos oíndo.
  • O home, de siso e mais de pico.
  • Poucos pensando fan mais que moitos durmindo.