internacional

internacional

(< inter- + nacional)

  1. adx
    1. Relativo ou pertencente a dúas ou máis nacións, ao que ocorre ou se realiza entre elas e os seus naturais.

      Ex: Deféndeo un avogado de fama internacional.

    2. Relativo ou pertencente a todas as nacións ou que ocorre ou se realiza entre elas.

      Ex: A vida internacional atravesa momentos difíciles. Celébrase o ano internacional do neno.

  2. adx e s

    Que ou quen participa en competicións entre dous ou máis países.

  3. [ARTE]
    1. estilo internacional

      Estilo arquitectónico aparecido en Los Angeles cara a 1920-1925, resultado da fusión da arquitectura estadounidense e as correntes europeas introducidas por R. Schindler e R. Neutra. A denominación dérona H. R. Hitchcock e P. Johnson no seu libro The International Style. Architecture since 1922, onde definiron as súas características: a concepción da arquitectura como volume, a idea de que a orde é o medio para lle dar claridade ao proxecto arquitectónico e o rexeitamento da decoración inmotivada. Entre outras obras destacan o pavillón alemán da Exposición Internacional de Barcelona de 1929, obra de Mies van der Rohe, reconstruído no seu lugar orixinal entre 1980 e 1986.

    2. gótico internacional

      Etapa da pintura gótica que comprende a pintura europea de finais do s XIV e comezos do s XV. Caracterízase por un avance na concepción da perspectiva, por unha acentuación do movemento e por un perfeccionamento no retrato. En Alemaña está representado pola escola de Colonia, en Francia polos irmáns Limbourg e Melchior Broederlam e en Italia por Pisanello e Masolino da Panicale. En Castela foi obra de estranxeiros: en Salamanca, Nicola Florentino e Dello Delli, en León, Nicola Francés; e na Coroa de Aragón, o catalán Lluís Borrassà.