Internacional, Primeira
Organización de traballadores de carácter supranacional fundada en Londres en 1864 co nome de Asociación Internacional de Traballadores (AIT). Os seus principios centrais eran a organización da clase obreira, a abolición da sociedade clasista, a solidariedade obreira internacional e o recoñecemento da importancia do movemento sindical e da folga como instrumentos de loita. Adoptou unha gran parte das ideas de Marx, recollidas no manifesto fundacional, onde se afirmaba que a emancipación dos traballadores só podía ser obra deles mesmos e pronunciábase pola colectivización dos medios de produción. Celebrou congresos en Xenebra (1866), Lausanne (1867), Bruxelas (1868) e Basilea (1869). A derrota da Comuna de París agudizou a polémica entre os seguidores de Bakunin e os de Marx, e a Internacional escindiuse no Congreso da Haia de 1872. A viaxe de Fanelli por Catalunya, València e Madrid (outubro 1868-febreiro 1869) permitiu a constitución de grupos internacionalistas en Madrid e Barcelona. O Primeiro Congreso Obreiro Español, celebrado en Barcelona no mes de xuño de 1870, permitiu a constitución da Federación Regional Española da AIT.