interpretación

interpretación

(

  1. s f

    Acción e efecto de interpretar.

  2. s f [LIT/FILOS/RELIX]

    Arte de entender ou declarar o contido ou sentido dun escrito, un discurso ou unha obra de arte, que presenta un sentido escuro ou que ofrece dúbidas. Denomínase hermenéutica á interpretación dos textos filosóficos e eséxese á interpretación bíblica.

  3. s f [ESPECT]

    Arte e técnica de representar ou encarnar un personaxe dunha obra escénica, cinematográfica, radiofónica ou televisiva. Desde o s XVII existen traballos teóricos destinados á formación do actor, dos que destaca Paradoxe sur le comédien de Diderot. Durante o s XIX xurdiu unha nova concepción máis total da misión do actor. Cómpre mencionar nesta liña a A. Antoine, A. M. Lugné-Poe e, sobre todo, K. Stanislavskij, que baseou o seu método na identificación total do actor co personaxe. B. Brecht defendeu que o actor debía ter unha postura crítica fronte ao seu personaxe. Entre os modernos figura como máis destacado J. Grotowski.

  4. interpretación das leis [DER]

    Acción de interpretar o sentido das normas xurídicas na súa aplicación a un caso concreto. Denomínase auténtica cando a efectúa o mesmo lexislador, doutrinal cando se fundamenta na opinión de xuriconsultos e xudicial cando se basea na xurisprudencia dos tribunais.