interxección

interxección

(

s f [LING]

Enunciado autónomo, sen ningunha función oracional ou frástica que, ou ben se presenta illado ou ben se insire ao inicio, ao final ou en medio doutro enunciado, mais en calquera caso con total independencia (Ai, que risa; Ale!; Pero ti dixeches que non o coñecías, ou?). As interxeccións profírense entre pausas e cunha entoación marcada, distinta á do resto da elocución, trazos que as aproximan aos vocativos e á modalidade exclamativa. Por iso adoitan escribirse entre signos que marcan esa pausa (coma, punto e coma ou punto) ou esa entoación (puntos suspensivos, signos de exlamación ou repetición dalgún grafema). A diferenza de entoación permite atribuírlles significados diferentes, xa que por si mesmas non expresan ningún significado léxico concreto. Así, por exemplo, unha mesma forma ah! pode significar ‘alegría’ ou ‘sorpresa’ ou ai!, ‘sorpresa’ ou ‘dor’. As interxeccións tamén poden expresar un significado ou outro dependendo do xesto que as acompañe na elocución: “uf” cunha axitación da man indica admiración pola cantidade ou a intensidade; “uf” cun certo xesto de ollos e cellas indica alivio. Tamén un mesmo significado se pode expresar con distintas interxeccións (incredulidade: bah, ca, sorpresa: ah, ai, oi). As interxeccións forman un inventario relativamente aberto e heteroxéneo de palabras invariables.