inxección

inxección

(< lat iniectĭōne)

  1. s f

    Acción e efecto de inxectar.

  2. s f [MED]
    1. Introdución no interior dun organismo dunha solución ou suspensión estéril por medio dunha xiringa ou dun instrumento axeitado. A inxección pode ser intradérmica (dentro da espesura da pel), subcutánea ou hipodérmica (debaixo da pel, no tecido subcutáneo), intramuscular, intravenosa ou endovenosa, intraarterial, intrarraquídea e intracardíaca, entre outras.

    2. Líquido que se inxecta.

  3. [TECNOL]
    1. s f

      Sistema de alimentación dos motores alternativos de combustión interna que consiste en inxectar a cantidade axeitada de combustible directamente dentro da cámara de combustión (inxección directa) ou á entrada do cilindro, preto da válvula de admisión (inxección indirecta). A inxección directa emprégase nos motores de acendido por compresión; os motores de acendido por chispa poden utilizar estes dous sistemas, aínda que é máis frecuente o uso do carburador. Consta dunha bomba de inxección que colle o combustible directamente do depósito ou que é alimentada por unha bomba de baixa presión, e que introduce o combustible no cilindro por medio do inxector. Se a bomba é de émbolo só hai que instalar, entre a bomba e os inxectores, un distribuidor de combustible. Nalgúns casos a bomba e o inxector xúntanse nun só dispositivo, o inxector bomba, alimentado por unha bomba de baixa presión. Regula a inxección para sistemas mecánicos ou pneumáticos, pero tamén se pode facer electronicamente, mediante un microordenador que regula o acendido.

    2. bomba de inxección

      Bomba empregada na inxección de combustible que dosifica a cantidade inxectada de combustible e fornece a presión adecuada. A dosificación pode ter lugar por medio dun émbolo rotativo proveniente dunha canle helicoidal que permita o retorno do exceso de combustible, ou por medio dunha válvula dosificadora que se abre xusto o tempo imprescindible para que pase a cantidade de líquido necesaria. A bomba pode ser de émbolo único ou pode ter un émbolo para cada cilindro.

  4. s f [IND]

    Técnica de moldeado que consiste en introducir a aliaxe a presión no molde e efectuar a solidificación nas mesmas condicións. Obtense unha microestrutura metálica moi homoxénea con gran pequeno, ausencia total de oclusións gasosas e unha resistencia mecánica superior á obtida con métodos convencionais.

  5. s f [MAT]

    Aplicación inxectiva que se establece entre dous conxuntos.

  6. s f [PAT]

    hiperemia.