Irixo, O
Concello da comarca do Carballiño, situado na provincia de Ourense no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Dozón e Lalín (ambos os dous na comarca de Deza), ao NO co de Forcarei (na comarca de Tabeirós-Terra de Montes), ao O con Beariz, ao S con Boborás e O Carballiño, e ao L co Carballiño e Piñor (todos eles na comarca do Carballiño). Abrangue unha superficie de 121 km 2, en que acolle unha poboación de 1.903 h (2007), distribuída nas parroquias de Campo, Cangues, A Cidá, Corneda, Dadín, Espiñeira, Froufe, Loureiro, Parada de Labiote, Reádigos, O Regueiro (que ten a súa cabeceira no concello de Boborás) e San Cosmede de Cusanca. A capital municipal é a vila do Irixo, na parroquia de Campo, situada a 42° 31’ de latitude N e 8° 6’ de lonxitude O, 73 km ao SL de Santiago de Compostela e 45 km ao NO de Ourense. Está adscritoao partido xudicial do Carballiño e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O concello do Irixo atópase nunha área de transición entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico continental. Situado nun espazo de media montaña, os rexistros térmicos vense influenciados por este factor, de xeito que a estación fría se prolonga desde novembro ata abril. A temperatura media anual é de 11°C. A media do mes máis frío, xaneiro, é de 5°C e a do mes máis cálido, xullo, de 18°C. A amplitude térmica extrema chega a 25,7°C. O número de días libres de risco de xeadas é de 147. A precipitación anual media supera os 1.400 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, as maiores cantidades de precipitación recóllense nos meses do inverno, co 36% do total anual, e do outono, co 33%, mentres que no verán só Se recolle o 10%. Pola súa banda, a primavera adopta un comportamento de estación de transición pluviométrica, con valores medios (20,7%). O relevo do concello resólvese basicamente en tres sectores, dispostos como bandas en sentido NNL-SSO. Unha primeira, no sector occidental, constitúena os montes do Testeiro, que culminan nos 1.003 m de altitude do monte Uceiro, no límite con Forcarei. O segundo sector, o que ocupa o centro do termo, correspóndese co val do río Viaño, afluente do Avia, que drena a maior parte da superficie municipal (tan só algúns ríos do SL flúen cara ao Arenteiro, da mesma conca do Avia). No confín oriental do concello rexístrase unha nova elevación, o extremo meridional da serra do Faro, que chega ata os 939 m de altitude do Pico Seco, no límite cos concellos do Carballiño e Piñor.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada polo concello do Irixo no s XX levouno a reducir a súa poboación ata deixala en 2001 no 31,7% da que tiña en 1900, cando sumaba 6.787 h, descenso que continuou nos inicios do s XXI ata situarse en 1.903 h en 2007. As primeiras décadas do século caracterizáronse polos altibaixos: dos 6.546 h de 1910, pasouse aos 6.826 h de 1920, cando o concello acadou o seu maior volume demográfico histórico. Desde aquela, os sucesivos censos foron minguando de xeito moderado ata 1950 (6.537 h). A partir desta última data o descenso acelerouse, e na década seguinte perdeu o 10,8% da súa poboación (5.833 h en 1960). Aínda maior foi o despoboamento da década de 1960, en que perdeu case que o 30% (4.105 h en 1970). A principal causa deste forte descenso nas décadas de 1950 e 1960 foi a activación dun intenso fluxo emigratorio que se dirixiu nun primeiro momento cara aos destinos tradicionais da emigración en América Latina e, posteriormente, cara ás áreas máis industrializadas de Europa Occidental, España e Galicia (fundamentalmente Vigo). Cando, como consecuencia da crise económica internacional desencadenada en 1973 polo incremento do prezo do petróleo, se interrompeu a demanda de man de obra nos lugares receptores, o descenso deu paso ao estancamento e, deste xeito a poboación na década de 1970 minguou a un ritmo medio case que imperceptible, do 0,07% anual (4.073 h en 1981). O descenso das décadas seguintes, en que a poboación se reduciu a practicamente a metade, debeuse ao avellentamento que a masiva emigración causara, ao privar ao concello das persoas máis novas. O avellentamento presenta unha proporción abrumadora, pois os maiores de 65 anos representaban en o 46,5% da poboación municipal fronte os menores de 20 anos constitúen o 6,1% dos residentes no concello; o grupo intermedio representa o 47,3%. Isto produce un crecemento natural (2206) de signo negativo (-24,3‰), consecuencia dunha natalidade moi baixa (2,8‰) e unha mortalidade moi elevada (27,1‰). Outra consecuencia do elevado grao de avellentamento e da emigración é a desproporción de sexos, pois as mulleres son o 52,65% da poboación fronte ao 47,34% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello do Irixo é do 33,9% (45,7% a masculina e 23,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 29,1% (39% a masculina e 20,5% a feminina) e a taxa de paro é do 14,3% (14,6% a masculina e 13,7% a feminina). As actividades agropecuarias constitúen a base económica do concello, pois proporcionan emprego ao 18% da poboación ocupada. A agricultura, condicionada pola topografía dos sectores oriental e occidental, cínguese ao sector central do concello, no val do Viaño. As explotacións teñen maioritariamente unha clara vocación gandeira, especializada no gando bovino, orientado á produción láctea. No monte críanse cabalos en réxime de semiliberdade, que se xuntan en agosto no curro de Parada de Labiote. A industria, que ocupa ao 15,4% dos traballadores residentes no concello, redúcese a pequenos establecementos, entre os que cómpre destacar os serradoiros. Na construción traballa o 21,2% dos ocupados e nos servizos o 45,2%. A principal vía de comunicación que atravesa o concello é a estrada nacional N-541, que o conecta con Ourense.
Historia
Os primeiros vestixios arqueolóxicos dos que se teñen noticia pertencen á etapa previa ao Megalitismo. Da época castrexa atópanse os castros de Corneda, Orros (na parroquia de Cidá) e Souteliño (na parroquia de Corneda), en que se encontraron diversos obxectos. Durante a Idade Media existiu a xurisdición ou Terra de Orcellón, que comprendía tamén Boborás e Cea e que dependía do mosteiro de Carboeiro. Entre os ss XV e XVII exerceron a súa xurisdición os condes de Monterrei. Durante o Antigo Réxime as parroquias do concello pertenceron ás xurisdicións de Corneda, Orcellón e Pazos de Arenteiro. Na división municipal de 1821 as terras do concello estaban divididas nos municipios de Reádigos, Parada de Labiote, Campo e Corneda; en 1822 o de Reádigos incorporouse a Parada de Labiote. O concello do Irixo formouse en 1835.
Patrimonio cultural
Ademais dos castros mencionados, cómpren destacar as ermidas de San Bertomeu e de San Roque, a igrexa medieval de Santo Estevo de Cangues, e as barrocas dos ss XVII e XVIII de San Xoán de Froufe, Santa María do Campo, Santa María de Reádigos e Santiago de Corneda, ademais da casa de San Pedro de Dadín. Ademais das festas parroquiais que se celebran no concello, destacan a romaría da Virxe do Carmen na capela da Pena de Sela (Dadín), o primeiro domingo de xullo, e a feira comercial O Tellado, os días 2 e 17 de cada mes.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Carballiño, O |
| Extensión | 121 Km2 |
| Poboación Total | 1903 h |
| Poboación Homes | 901 h |
| Poboación Mulleres | 1002 h |
| Densidade de poboación | 15.73 h/Km2 |