irradiación

irradiación

(< lat irradiatĭone)

  1. s f
    1. [FÍS]

      Exposición dun corpo á acción das radiacións ionizantes. Para medila empréganse diferentes unidades, como o gray, o röntgen, o rad e o rem. A cantidade ou dose de irradiación (dose absorbida) á que é sometido o corpo humano por termo medio en calquera punto da Terra é de 100 milirems ao ano, cantidade que aumenta coa altitude.

    2. [ALIM]

      Tratamento de esterilización dos alimentos. Utilízanse radiacións ionizantes (raios gamma e electróns acelerados) para evitar alteracións dos alimentos. A doses baixas, inhibe a xerminación, retarda a maduración e exerce un efecto insecticida; a doses medianas redúcese a poboación microbiana e o número de axentes patóxenos non esporados e melloran as propiedades tecnolóxicas dos alimentos; e a doses altas, elimina os virus e produce unha esterilización comercial completa. A irradiación, non obstante, pode producir alteracións secundarias no produto alimentario ou no envase. En novembro do 1980, un comité internacional definiu a inocuidade do tratamento de irradiación dos alimentos nas doses indicadas. No Estado español a irradiación de alimentos soamente é autorizada (1986) para inhibir a xerminación.

    3. [MED]

      Aplicación de certos raios como forma terapéutica ou diagnóstica.

  2. s f [ZOOL]

    Disposición anatómica de nervios ou vasos que saen dun centro común.

  3. [LING]
    1. s f

      Fenómeno semántico polo que o nome dun obxecto pasa a denominar a outros obxectos que teñen algún trazo común co primeiro. Así raíz pode referirse a unha planta, a unha palabra ou, por exemplo, a un número.

    2. irradiación sinonímica

      derivación sinonímica.

  4. s f [PAT]

    Dispersión dun impulso nervioso ou dunha dor fóra da súa vía ordinaria.

Palabras veciñas

irracionalidade | irracionalismo | irracionalista | irradiación | irradiancia | irradiante | irradiar