Isabel I a Católica

Isabel I a Católica

Madrigal de las Altas Torres 1451 - Medina del Campo 1504) Raíña de Castela e León (1474-1504), filla de Xoán II de Castela e Isabel de Portugal. Aínda que a sucesión non lle correspondía (a herdeira era Xoana a Beltranexa), foi empregada durante a guerra civil por un dos bandos nobiliarios, que conseguiu que fose recoñecida herdeira no Tratado dos Toros de Guisando e proclamada raíña ao morrer Enrique IV. En 1469 casou con Fernando de Aragón; cando este se converteu en monarca de Aragón, Fernando II, produciuse a unión dinástica das dúas coroas pero non a política ( Reis Católicos). Co sostemento do seu home, reduciu con dureza os sectores hostís da nobreza castelá, andaluza e galega e puido empezar a conquista do Reino de Granada (1481-1492), que puxo fin á presenza musulmana. Iniciou unha política de prestixio da monarquía, coa abolición dos privilexios outorgados por Enrique IV á nobreza (1480), e realizou unha segunda reforma administrativa coa estruturación do Consello Real, a mellora no goberno dos municipios e na administración de xustiza. No aspecto económico, reforzou as finanzas públicas e tamén os diversos sectores económicos do país. No eido da política relixiosa, a creación da nova Inquisición (1478) e do Consello da Real e Suprema Inquisición (1483), como tamén a expulsión dos xudeus (1492) e dos mudéxares (1502), manifestaron un espírito intransixente, que tivo unha influencia negativa na política e economía castelás. A súa política exterior foi en parte motivada polo seu home que interveu, ademais da conquista de Granada e de Canarias, na empresa do descubrimento de América en 1492 por Cristovo Colón. Recibiu, xunto co seu home, o título de Católica en 1504.