Ismael
Personaxe bíblico, fillo do patriarca Abrahán e da súa escrava exipcia Agar. A esposa de Abrahán, Sara, pedíralle a este que concibise un fillo coa escrava ao non podelos ter ela. Estando embarazada, Agar fuxiu ao deserto, pero un anxo do Señor ordenoulle volver, anunciándolle que do fillo que lle ía nacer tería moitos descendentes. Cando Abrahán xa tiña 86 anos naceu Ismael. Tempo máis tarde, Sara conseguiu finalmente concibir un fillo, Isaac e cando naceu este, mandou ao deserto a escrava e o seu fillo. A Biblia conta que Ismael tivo doce fillos, os ismaelitas, que fundaron as doce tribos árabes do N de Arabia, establecidas entre Exipto e o Golfo Pérsico. O propio Mahoma colocou a Ismael á cabeza da súa xenealoxía. Segundo o islamismo, axudou a Abrahán na construción da Meca.