karagöz*
Teatro de sombras introducido en Turquía a principios do s XVI polo sultán Selim I, que o trouxo de Exipto, xunto cun grupo de artistas que o practicaban, e que se pensa que provén da illa de Xava, coa que os países árabes mantiñan relacións comerciais desde moito tempo atrás. En Turquía o xénero coñeceu un considerable desenvolvemento e cos séculos a súa influencia deixouse sentir en todos os países dominados polo Imperio Otomano, desde o N de África ata Grecia, Romanía ou Bulgaria. Nun principio as representacións fixéronse na corte do sultán, pero pouco despois as funcións pasaron a realizarse nos casamentos, en festas diversas, durante o tempo do Ramadán ou nos cafés. O seu personaxe central é o propio Karagöz, co seu compañeiro Khadivat, que viven as máis diversas situacións e conflitos, moitos tirados da vida cotiá cunha dimensión satírica e mesmo escatolóxica, e sempre rodeados dunha ampla diversidade de tipos e personaxes que representan a vida baixo o Imperio Otomano.