kathakali*

kathakali*
s m

ESPEC Xénero teatral orixinario de Kerala, unha ampla área situada no SL de India, que presenta todos os trazos característicos das artes escénicas orientais, onde música, danza, canto e teatro se mesturan para dar lugar a espectáculos de gran riqueza cromática, plástica, musical, xestual e corporal, na maioría dos casos baseados en episodios e fragmentos de textos relixiosos como o Ramayana, o Mahabharata ou os Puranas. O xénero comezou a coller pulo no s XVII, como unha síntese entre diversas tradicións, entre as que destacan outros xéneros como o Kutiyattam, o Krishnattam e o Ramanattam, segundo parece por causa do Maharajá de Kottayam, que desexaba contar cunha tradición teatral propia, diferente e mellor ca as que se practicaban en áreas veciñas. A historia contida en cada espectáculo transmítese por medio de cantigas, pois os actores non falan, senón que ilustran a acción por medio do movemento, a expresión xestual, sobre todo coas mans, e a mímica facial, e os espectáculos duran toda a noite, unhas veces mostrando unha historia completa e outras fragmentos escollidos pola propia audiencia ou polos promotores da función. Esta tradición teatral tivo unha considerable pegada nas propostas de renovación teatral en Europa no s XX, particularmente entre directores como Jerzy Grotowski ou Eugenio Barba, que quedaron fascinados polo rigor do seu sistema de formación de actores, un proceso cunha duración de entre seis e dez anos que se establece como unha relación entre un mestre e o seu discípulo e no que este realiza un traballo moi sistemático arredor de todos os seus instrumentos expresivos, particularmente o movemento, o xesto e a voz.