jacquard*

jacquard*
s f [TÉXT]

Máquina que, encaixada nun tear, permite a evolución independente de cada un dos fíos de urdido e, así, a reprodución de debuxos máis grandes e máis complicados que coa máquina de lizos. Consta, fundamentalmente, dunha táboa (táboa de encolares) cun gran número de buratos por onde pasan os encolares e sobre o que descansan os ganchos a cada un dos que vai suxeito un encolar. De cada encolar poden colgar tantas arcadas como veces sexa repetido o debuxo no ancho do tecido, que se distribúen por medio da táboa de arcadas. Cada táboa leva un mallón, por onde pasa un fío de urdido e, na parte de abaixo de todo, un peso de chumbo. Cada gancho pasa polo ollo dunha agulla horizontal que un pequeno resorte mantén nunha posición na que o gancho se agarra a unha coitela horizontal (grifa) que ten un movemento ascendente. Cando a grifa sobe, leva o gancho, xunto co encolar e as arcadas e os fíos de urdido correspondentes. Para seleccionar os ganchos que ten que empurrar e os que non, a fin de reproducir o debuxo previsto, cómpre empurrar os cartóns contra os extremos das agullas. Se o cartón ten un burato fronte a unha agulla, esta non se move e o gancho correspondente empurra. Pero, se non ten burato, o cartón empurra a agulla cara a dentro, e esta separa o gancho da grifa que, xa que logo, non o leva e o gancho non empurra. O movemento dos cartóns prodúcese polo batán, que leva un prisma (o cilindro ou lanterna) onde descansa o cartón que actúa a cada pasada. Modernamente, cambiouse a medida dos cartóns ou substituíronse os cartóns por debuxos de papel.