Juárez García, Benito Pablo

Juárez García, Benito Pablo

  (San Pablo Guelatao, Oaxaca 21.3.1806 - Ciudad de México 18.7.1872) Político mexicano. Representante do reformismo liberal, foi gobernador de Oaxaca desde 1847 ata 1853 e de novo desde 1856, tras unha paréntese motivada polo goberno de López de Santa Anna, quen o desterrou de México. Nomeado presidente da Suprema Corte de Justicia desde 1857, en 1858 foi elixido presidente da República, cargo que tamén ostentou desde 1861 ata 1862. Durante o seu mandato nacionalizou os bens eclesiásticos, ditou as Leyes de la Reforma e suspendeu o pago da débeda externa, -como un intento de recuperar as perdas provocadas pola Guerra de la Reforma (1858-1860)- feito que deu lugar ao desembarco de tropas de Francia, Reino Unido e España, que impuxeron como emperador o arquiduque de Austria, co nome de Maximiliano I de México. En 1867, retiradas as tropas francesas e fusilado Maximiliano I, ocupou novamente a presidencia ata a súa morte.