helenismo
(< lat hellenismu < grέλληνισμός)
-
s
m
[HIST]
Período da historia e da civilización gregas, e dos países baixo a súa influencia cultural, que se estendeu entre a morte de Alexandre o Grande (323 a C) e a Batalla de Actium (31 a C). O termo foi cuñado polo historiador J. G. Droysen na súa obra Geschichte des Hellenismus (Historia do Helenismo1836-1843). Trala morte de Alexandre o Grande, os seus sucesores tentaron unificar os territorios do seu imperio, que recollían pobos diversos con distintas relixións, linguas e estruturas sociais e políticas, a través da promoción da lingua e cultura gregas e da progresiva afirmación das estruturas da polis grega. Formaron tres Estados (Exipto, Macedonia e Siria), que xunto coa apertura de novas rutas comerciais e a creación de novas cidades (Alexandría, Pérgamo, Antioquía) con criterios racionais, contribuíron á cohesión económico-cultural do mundo helénico, favorecida polo uso dun idioma único (koiné). No terreo relixioso produciuse un abandono das crenzas tradicionais entre a poboación, acentuouse o individualismo e afirmouse a liberdade interna, a capacidade autárquica e a autonomía do home, xunto co ecumenismo e o cosmopolitismo. Ao mesmo tempo desenvolveuse unha corrente de festividade e opulencia que definiu a vida dos grupos sociais elevados e que se reflectiu, na arte e na poesía, cunha tendencia ao preciosismo formal e estilístico. Neste período destacou a figura do sabio illado dun mundo violento e en transformación, que se entregaba á elaboración dunha filosofía de consolo e á conquista da ataraxia. A posterior expansión do Imperio Romano nos países da conca mediterránea, que garantiu a estabilidade política e económica, permitiu a profundización do helenismo.
-
s
m
Influencia da cultura grega, especialmente da época clásica, noutras civilizacións.
- s m [FILOL/LING]