Láncara

Láncara


Concello situado na comarca de Sarria, situado no centro L da Comunidade Autónoma de Galicia e no L da provincia de Lugo, da que administrativamente forma parte. Limita ao N cos concellos do Corgo (Lugo) e Baralla (Sarria), ao S cos de Becerreá (Os Ancares), Triacastela, Samos e Sarria (Sarria), ao L cos de Baralla e Becerreá e ao O cos concellos de Sarria e O Páramo (Sarria). Abrangue unha extensión de 121,7 km 2 cunha poboación de 3.083 h (2007), distribuída nas parroquias de Armea, Bande, Carracedo, Cedrón, Galegos, Lagos, Lama, Láncara, Larín, Monseiro, Muro, Neira de Cabaleiros, Oleiros, A Pobra de San Xiao, Río, Ronfe, Souto de Ferradal, Toirán, Toldaos, Toubille, Trasliste, Vilaesteva de Herdeiros, Vilaleo, Vilambrán, Vilarello e Vilouzán. A capital municipal é A Pobra de San Xiao, e dista 125 km de Santiago de Compostela e 18 km de Lugo. Depende do partido xudicial de Sarria. As súas parroquias están adscritas á diocese de Lugo.
Xeografía física
O concello sitúase no centro da meseta lucense, ao N da depresión terciaria de Sarria, nunha área xa de transición cara ás Serras Orientais. O relevo non é demasiado contrastado, pois domina a planicie da meseta, aínda que si é patente un progresivo aumento da altitude media cara ao SL, dos 400 m aos 600 m, facéndose máis notable a medida que as serras se van abrindo paso. As maiores altitudes danse nos montes Abela, no SL (Alto do Pico, 1.198 m de altitude), e nos Montes Medorra (1.134 m de altitude), no NL. A estrutura litolóxica predominante está composta por materiais precámbricos, fundamentalmente granitos, aínda que existen tamén pequenas formacións calcarias. Non é estraño que unhas e outras aparezan cubertas por grandes extensións de sedimentos cuaternarios. O clima pódese encadrar dentro do dominio oceánico húmido, pero dentro das variedades galegas pertence aos climas do interior, concretamente ao Subtipo da Meseta Lucense. Caracterízase por un descenso notorio das precipitacións respecto da costa e unha incidencia destacada da continentalidade nas temperaturas. A inferioridade pluviométrica ten a súa orixe nos relevos da Dorsal Meridiana, que actúa como abrigo en relación ás correntes húmidas do SO, O e NO. Deste xeito as precipitacións non rebasan os 1.200 mm anuais. O ritmo de caída das chuvias está marcado polo mínimo estival (10%), e un máximo que se estende desde finais do outono ata comezos da primavera (outono 25%; inverno 39%; primavera 26%). A degradación das condicións climáticas oceánicas constátase no ambiente térmico. O afastamento da costa co efecto de abrigo da Dorsal e a altitude media da Meseta Lucense (400-500 m) acentúan a continentalidade, facendo medrar as oscilacións térmicas estacionais (11-12°C) e diurnas. A temperatura media anual é baixa, en torno aos 11°C. En xaneiro a media non sobe dos 6°C e en agosto non chega a sobrepasar os 18°C. O risco de xeadas esténdese á maior parte do ano (outubro-maio) e non é estraña a presenza da neve en inverno. Cara ao L o clima faise máis rigoroso, pois a altitude media é moito máis elevada, ao estar xa en contacto cos contrafortes das serras orientais galegas. O principal curso fluvial que atravesa o concello é o río Neira, afluente do Miño, aínda que tamén merece ser destacado o río Sarria, que serve de fronteira natural en varios tramos cos concellos de Sarria e O Páramo. Láncara conserva aínda importantes extensións de vexetación autóctona (principalmente representada por carballos e castiñeiros), aínda que a reforestación de piñeiros non deixa de medrar, ocupando terras de labor abandonadas e superficies antes cubertas de matogueiras.
Xeografía humana
A poboación de Láncara está moi espallada por todo o territorio municipal, agás nas áreas máis elevadas orientais. Existen 124 aldeas no municipio, pero a maior parte delas non chegan a superar os 40 h. Non existe ningún núcleo urbano, sendo a capital municipal, A Pobra de San Xiao, a entidade que conta cun maior volume poboacional. A evolución demográfica acontecida desde o primeiro censo de 1887 (4.932 h) seguiu as pautas xerais que se dan na maior parte de Galicia interior, é dicir, un crecemento moderado ata mediados de século para logo descender de xeito acusado ata a actualidade. Así, entre 1887 e 1920 deuse un incremento do 0,8% anual, motivado por un forte saldo vexetativo positivo, que contrarrestou a forza do primeiro movemento migratorio, dirixido fundamentalmente cara ao continente americano. No período intercensual seguinte (1920-1930) apareceu o primeiro episodio negativo na evolución demográfica, pois descendeu a súa poboación nun 0,17% anual. A forza da emigración seguiu sendo notable, e o crecemento natural reduciuse xa diante da escaseza de efectivos novos por mor da súa marcha nos decenios anteriores. Na década de 1930, en cambio, recuperouse a senda do crecemento (0,7% anual). A crise financeira internacional iniciada trala creba bolsista de Wall Street en 1929 fixo que os países de destino impuxesen trabas á inmigración. Ademais, a Guerra Civil Española impediu tamén as saídas cara ao exterior, de xeito que a poboación medrou, chegando en 1940 ao máximo demográfico, con 6.542 h. A partir de entón a poboación non deixou de decrecer, perdendo preto do 50% dos seus efectivos humanos (0,83% anual). Trala Guerra Civil Española e diante das boas perspectivas nalgúns países latinoamericanos (Venezuela, Brasil, Arxentina) retomouse esta corrente emigratoria, que continuou na década de 1960 cara a Europa e na década de 1970 cara ás cidades españolas máis desenvolvidas. Na década de 1980 a capital provincial, Lugo, converteuse no foco de atracción máis notable e na década de 1990 o descenso produciuse xa, tan só, por causas biolóxicas. As perdas poboacionais destes 60 anos non foron nin moito menos uniformes. Os descensos máis relevantes sucederon na década de 1960 (-1,9% anual) e 1980 (-1,5% anual), mentres que na década de 1970 foron de certo estancamento debido ao retorno de emigrantes ultramarinos e europeos (-0,2% anual). Finalmente, na década de 1990 as perdas (-0,6%) axustáronse ao Saldo vexetativo negativo. A comezos do s XXI tiña 3.186 h (2001), cifra que se reduciu nun -3,23%. Froito desta evolución demográfica, o concello de Láncara conta cunha estrutura demográfica tremendamente avellentada, con tan só un 11,2% da súa poboación por debaixo de 20 anos e un 32,8% por enriba dos 65 anos; o grupo intermedio representa o 56%. O movemento natural (2006) é moi negativo (-17,1‰), consecuencia dunha natalidade moi baixa (4,94‰) e unha mortalidade elevada na que incide o forte avellentamento (22‰). Por sexos a composición da poboación está equilibrada: 50,98% de homes e 49,01% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Láncara é do 51,2% (61,4% a masculina e 40,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 47,1% (56,5% a masculina e 37,4% a feminina) e a taxa de paro é do 7,9% (8% a masculina e 7,8% a feminina). A base económica do concello de Láncara é eminentemente agropecuaria. O 55,2% da poboación dedícase aos labores relacionados co sector primario. A especialización gandeira domina en todo o concello, mentres que a agricultura se mantén, hoxe como complemento da gandaría, pero conservando bastantes trazos tradicionais (predominio da pequena explotación familiar, produtos para o autoconsumo). Froito da conversión de numerosas matogueiras e terras de labor en pastos, estes superan na actualidade o 30% do territorio municipal, mentres que a superficie agrícola non rebasa o 10%. A especie gandeira predominante é o vacún de orientación láctea, existindo 9.249 reses (1999), aínda que as granxas de porcino tamén son numerosas.O aproveitamento forestal ten certa significación e está acadando unha importancia crecente. Pola súa parte, a industria ten unha presenza moi cativa (6,7% do emprego) e está moi relacionada coa transformación dos produtos primarios. Neste sentido destacan a empresa Lácteos Lence (comercializa as marcas de Leite Río, Solán e Cremosita). A construción tamén ten unha implantación moi pouco significativa (7,7% dos activos). Finalmente, o sector terciario (30,2%) concéntrase na capital municipal, onde se atopan a administración local, a maior parte do comercio, o grupo escolar e os servizos sanitarios e bancarios. O concello está bastante ben comunicado, pois é atravesado pola LU-546 e as locais LU-621 e 622, ademais da N-VI que percorre un pequeño tramo do NO municipal. Tamén discorre o camiño de ferro (Madrid-A Coruña-Ferrol) que conta cunha estación en Pobra de San Xulián.
Historia
As testemuñas máis antigas do poboamento pertencen á época megalítica, da que se coñece numerosos túmulos, entre outros, as tres mámoas do monte das Medorras (Vilarello). Contabilízanse numerosos castros situados principalmente no O e no S, áreas tradicionais de paso e con mellores condicións climáticas, entre outros, os do Monte (Bande), Trascastro (Carracedo) e Castrodelos (Cedrón). A mención documental máis antiga das terras do concello remóntase ao S VI cando na descrición dos condados establecidos no Concilio de Lugo (569) se menciona que Láncara pertencía ao Condado Sarriensis. Varias parroquias pertenceron ao mosteiro de Samos entre os s IX e XII, tal e como documenta o Tumbo deste cenobio. No s XIV as terras municipais pasaron de mans de Enrique, conde de Trastámara, a Fernando de Castro, señor de Lemos. Nos ss XVII e XVIII floreceu unha elite nobiliar rural que construíu numerosos pazos. Coa instauración dos primeiros concellos constitucionais, xurdiu un coa denomianción de Láncara, aínda que se crearon outros dous dentro dos actuais límites municipais: Somoza de Vilouzán e A Pobra de San Xiao. Os tres continuaron existindo ata 1840, momento en que se suprimiron os dous últimos, pasando as súas parroquias a integrarse no de Láncara. A comezos do s XX xurdiu no municipio un sindicato encadrado na Federación Católica Agraria, o máis antigo da provincia xunto co de Riotorto. Tamén tivo significación, entre 1907 e 1912, o movemento Solidaridad Gallega. En 1958 a capitalidade trasladouse desde Carracedo á Pobra de San Xiao.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas románicas de San Pedro de Bande, San Xoán de Muro, Santa María de Neira, San Martiño de Oleiros e O Salvador de Toirán. No eido da arquitectura civil destacan os pazos de Láncara (San Pedro de Láncara) e Saa (Santiago de Cedrón), a casa grande de Quiroga (San Xiao da Pobra de San Xiao) e a ponte de Carracedo, de orixe romana e reconstruída no s XVI. Entre as festas que se celebran no concello destacan as de San Roque na Pobra de San Xiao, no mes de agosto, Nosa Señora do Carme en Láncara, o segundo domingo de setembro, e a de San Pedro en Bande, no mes de xullo.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Sarria
Extensión 121 Km2
Poboación Total 3083 h
Poboación Homes 1572 h
Poboación Mulleres 1511 h
Densidade de poboación 25.48 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias