lapis

lapis

(< ital lapis < lat lapĭde ‘pedra’)

  1. s m

    Pequeno anaco de certos minerais suaves e graxos ao tacto, empregado para debuxar ou escribir.

  2. s m

    Utensilio para debuxar e escribir, constituído por unha mina de grafito incluída nunha barra cilíndrica ou prismática de madeira, que se afía en punta para deixar descuberto o extremo da mina.

  3. s m [ARTE]

    Debuxo feito a lapis por un artista. Pódese distinguir o debuxo a dous lapis, que se realiza sobre un papel tinguido e se emprega un lapis negro para as sombras e outro branco para as tonalidades claras; e o debuxo a tres lapis que se realiza tamén sobre papel tinguido cun lapis negro, unha barra de sanguina e unha barra branca.

  4. s m [MED]

    Forma farmacéutica cilíndrica, que se obtén por fusión ou por malaxación, con formación de cilindros e desecación. Emprégase por contacto ou introducíndoo nas cavidades fisiolóxicas.

  5. s m

    Barra de cosmético que se emprega para a maquillaxe das cellas, os ollos ou os labios.

  6. lapis cerámico [ARTE]

    Barra de pastel que se emprega na realización de debuxos sobre vidro esmerilado, porcelana ou esmalte cerámico sen vernizar.

  7. lapis dermográfico [MED]

    Lapis especial que se emprega en medicina para facer marcacións na pel.

  8. lapis litográfico [ARTE]

    Lapis composto de xabón, cera, sebo e fume negro, que se emprega para debuxar sobre a pedra.

  9. lapis óptico/electrónico [INFORM]

    Dispositivo en forma de lapis que leva un elemento fotosensible, unha célula fotoeléctrica dotada dun sistema fotomultiplicador. Conectado on line cunha pantalla visualizadora, cando un feixe electrónico incide directamente, xérase un impulso que identifica o punto específico da pantalla. Permite debuxar liñas, círculos, activar o ordenador ou introducir datos. Constitúe un aparato moi útil nos sistemas de deseño por ordenador.

Formas incorrectas

lápiz