Laracha, A
Concello da comarca de Bergantiños, situado ao O da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia da Coruña. Limita ao N co concello de Arteixo (A Coruña) e o Océano Atlántico, ao L cos concellos de Culleredo (A Coruña) e Cerceda (Ordes), ao S co de Cerceda e ao O co concello de Carballo (Bergantiños). Está situado a 43° 14’ latitude N e 8° 34’ lonxitude O. A Laracha localízase a 22 km ao SO da cidade da Coruña e a 62 km da capital galega, Santiago de Compostela. Abrangue unha superficie de 125,8 km 2 cunha poboación de 10.871 h (2007) distribuídos nas parroquias de Cabovilaño, Caión, Coiro, Erboedo, Golmar, Lemaio, Lendo, Lestón, Montemaior, Soandres, Soutullo, Torás e Vilaño. A capital do concello é A Laracha, na parroquia de Torás. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Carballo.
Xeografía física
O seu relevo caracterízase por un declive cara ao mar e pola súa variedade. AO S, a serra de Montemaior, de natureza granítica, forma parte do rebordo da meseta de Santa Comba. A súa altitude media é superior aos 400 m. Destacan o pico Cedeira (595 m) e Perouzos (518 m), con acusadas pendentes. No centro do concello, o val do Anllóns, de natureza xistosa e topografía suave, constitúe a área de maior ocupación humana. AO N, os graníticos montes de Lendo chegan ata o océano formando cantís entre os que se insire a Atalaia, en Caión, a única praia do concello. Todo o territorio aparece cortado por accidentes tectónicos que deron lugar á formación dunha depresión topográfica transversal. Climaticamente o concello entra dentro do dominio oceánico. As temperaturas son suaves ao longo do ano. A temperatura media anual é de 12,3°C. O mes máis frío é xaneiro con 7,5°C de media, e o máis cálido, agosto con 17,3°C. A oscilación térmica é de 9,8°C, unha variación débil debido á acción do mar. As precipitacións son abundantes, 1.130 mm anuais. A penetración dos ventos húmidos do SO produce estas intensas chuvias. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno, co 36,1% do total anual; a mínima rexístrase no verán, cunha media do 9,9% do total, e presenta un déficit hídrico estival entre xuño e agosto. Estes caracteres climáticos non se poden xeneralizar para todo o concello pois prodúcese unha graduación térmica e pluviométrica desde o litoral ata as serras. Nas áreas próximas á costa as temperaturas son máis cálidas e as precipitacións menores. No interior descenden as temperaturas e aumenta a pluviosidade polo ascenso orográfico dos ventos húmidos. A Laracha ocupa a conca superior do río Anllóns, desde o seu nacemento nas ladeiras do monte Xalo ata as proximidades de Carballo. A rede fluvial ten no río Anllóns a súa principal referencia. Este curso fluvial atravesa a maior parte do territorio do concello e entre os seus afluentes destacan o Acheiro, o Rosende, o Lendo e o Rego da Graña. Tamén aparecen pequenos arroios que aflúen ao río Mero, e outros ao Baldaio. A vexetación está ocupada principalmente por repoboacións de piñeiros e eucaliptos. Estas especies arbóreas cobren case o 30% da superficie municipal. A vexetación orixinaria sufriu un gran retroceso, pero aínda quedan espazos singulares como as ribeiras do río Anllóns.
Xeografía humana
O concello da Laracha tiña ao comezo do s XX unha poboación de 7.993 h. Durante estes últimos cen anos viviu dúas fases contrapostas de crecemento e perda demográfica. Ata a década de 1960 a poboación de Laracha creceu en todos os períodos intercensais dunha forma constante. A pesar das diferentes dinámicas migratorias e o continuado éxodo rural que viviu o concello durante todos eses anos, un crecemento vexetativo moi forte mantivo un crecemento poboacional continuado. En 1960 o concello coñeceu o seu momento de maior número de habitantes, con 12.708 persoas. Desde entón produciuse un punto de inflexión que se fixo especialmente patente ata mediados da década de 1960. Unha forte corrente emigratoria cara aos países industrializados europeos, Suíza e Alemaña principalmente, acompañada dun éxodo rural cara á Coruña provocaron unha perda do 14,24% da poboación en dez anos, polo que en 1970 só tiña 10.898 h. Trala crise de mediados da década de 1970 e o peche da emigración a Europa, a poboación do concello estabilizouse á baixa ata os nosos días, nos que se aprecia unha lixeira recuperación polo dinamismo económico do eixe que une a área urbana da Coruña coa vila de Carballo. A comezos do s XXI contaba con 10.596 h, cifra que aumentou en 275 h en 2007. Aínda así, apréciase unha monotonía demográfica derivada dun crecemento natural moi negativo (2006), do -3,6‰. A natalidade é do 7,5‰, e a mortalidade elevada, do 11,1‰. Os menores de 20 años supoñen o 13,9% do total fronte ao 23,2% dos maiores de 65 anos, a poboación adulta é a maioritaria co 63%. A distribución por sexos aparece a prol das mulleres, que constitúen o 51,2% da poboación. Predomina un poboamento disperso e diseminado polas 270 entidades de poboación municipais. Destacan os núcleos da Laracha, capital do concellos, e os pequenos núcleos con carácter urbano: Caión e Paiosaco. A vivenda familiar constátase como a máis abundante, e as vivendas secundarias forman unha pequena porcentaxe e pertencen a emigrantes que manteñen unha segunda residencia no seu concello; as vivendas desocupadas débense ao abandono nas parroquias demograficamente máis regresivas e a vivendas de nova construción en espera da demanda nos núcleos urbanizados da Laracha, Caión e Paiosaco.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Laracha é do 50,5% (63,1% a masculina e 38,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 45,3% (57,5% a masculina e 33,7% a feminina) e a taxa de paro é do 10,4% (8,9% a masculina e 12,6% a feminina). A estrutura do emprego amosa unha clara maioría a favor dos asalariados que representan o 72,12%. Os traballadores independentes son na súa maioría agricultores. A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte un predominio do sector secundario, incluíndo o sector da construción, que emprega o 47,3% da poboación ocupada, o 25,6% do total do emprego correspóndese á industria. O terciario representa o 41,2% e o primario o 11,5%. A Laracha sitúase nun eixe de sólida expansión, na área urbana da Coruña ao tempo que pertence á potente bisbarra de Carballo. Contando con importantes recursos naturais, puido fortalecer empregos na pesca, afianzar un forte sector agropecuario e atopar ocupacións na industria, a construción e os servizos. O sector primario, pese a ocupar a menor porcentaxe da poboación ocupada, segue a ser un dos principais sustentos económicos do concello. Dentro da superficie municipal, un 36,8% dedícase a cultivos e un 23,2% a pastos. Un dobre aproveitamento agrícola e gandeiro caracteriza as explotacións agropecuarias da Laracha. O concello conta cunha importante cabana de bovino, principalmente, e porcino. Destaca o desenvolvemento do sector gandeiro vacún para a producción de leite, pois A Laracha inclúese nunha comarca fortemente especializada en tal sector. Pero, ademais, a proximidade de mercados urbanos e as especiais características dos solos do val do Anllóns favorece a producción de cultivos de horta e, sobre todo, de trigo, xa que a metade occidental do Anllóns é un dos principais celeiros de Galicia. Na vila costeira de Caión céntrase exclusivamente a actividade pesqueira, principal recurso económico do lugar. O sector secundario repártese entre a industria e a construción. Pola proximidade do concello a centros que experimentaron auxes inmobiliarios, moitos traballadores da Laracha obtiveron emprego na construción. Aparece unha forte especialización relativa da man de obra do concello nesta actividade. As principais empresas industriais dedícanse á fabricación de materiais de construción, nos que acadaron notables tamaños de facturación e emprego. Igualmente aparecen panaderías industriais, serradoiros, unha importante fábrica de pensos en Paiosaco e as Cerámicas Campos, que aproveitando a riqueza das arxilas da área é un dos principais grupos empresariais galegos do sector. Por outro lado, unha parte dos traballadores do secundario están empregados en áreas industriais próximas como Arteixo, A Coruña ou Carballo. O mesmo ocorre no sector terciario, onde a maior parte dos traballadores se empregan na área urbana da Coruña ou na vila de Carballo. A capital municipal mantén un terciario desenvolvido na atención das necesidades comerciais, serviciais e administrativas básicas do concello. No seu interior atopamos múltiples comercios, locais de hostalería, entidades financeiras e servizos sanitarios. Tamén as vilas de Paiosaco e Caión contan co seu propio mercado. En Paiosaco ten lugar unha concorrida feira gandeira e mercantil os domingos primeiro e terceiro de cada mes. A principal vía de comunicación é a estrada provincial AC-525 da Coruña a Fisterra, que atravesa o concello e na que se sitúan as vilas da Laracha e Paiosaco. Trátase dunha transitada vía recentemente mellorada e que foi fortalecida pola autovía Carballo-A Coruña, AG-55, que conta con varias saídas e entradas dentro do concello. Ademais, unha densa rede de estradas une as entidades de poboación. A liña férrea A Coruña-Madrid pasa por un extremo do termo municipal, pero as estacións máis próximas están en Meirama e en Cerceda.
Historia
A antigüidade do poboamento móstrase nas mámoas, como as da Medoña (Coiro), Fofelle (Laracha) e Frapa (Lendo), e castros como o de Monteclaros. Da presenza romana atópanse algúns miliarios da via per loca maritima, ademais do templo dedicado a Hércules Xónico situado no lugar que ocupa o mosteiro de Soandres, onde se conservou unha inscrición relativa ao mesmo. Na Idade Media a historia do concello xira ao redor do mosteiro beneditino de San Pedro de Soandres, fundado no s X e que nos ss XIV-XV pasou a depender de San Martiño Pinario. No s XVI Fernando Bermúdez de Castro fundou en Caión o mosteiro agostiño de Santa María do Socorro, e a súa comunidade trasladouse en 1772 á igrexa de San Xurxo da Coruña. No s XIV exerceu o seu dominio a familia dos Mariñas, dos que destacou Diego das Mariñas, capitán xeneral de Galicia. Na primeira metade do s XIX constituíuse ao actual concello da Laracha e as súas adscricións á provincia da Coruña e ao partido xudicial de Carballo. A última modificación do concello data de 1867 cando aumentou nunha parroquia, a de San Bieito de Golmar, que se disgregou da parroquia de Santa María de Soutullo.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan o capitel prerrománico conservado en Santa María de Lemaio e empregado como pía bautismal, e os vestixios románicos de San Xulián de Lendo. A igrexa do mosteiro de San Pedro de Soandres é gótica do s XIV; e do s XV é a ermida de San Roque en Cillobre. Do antigo mosteiro de Caión consérvase a igrexa de San Xurxo, de estilo plateresco. No terreo da arquitectura civil destacan os pazos de Paradela (Soandres), Cillobre (Torás), do marqués de Graxal (Caión), e a casa de Lemaio; e a torre do Viso en Montemaior, declarada BIC en 1994. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Costa da Morte, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran destacan as de Nosa Señora dos Milagres en Caión, en setembro, de Santa Marta en Soandres, en xullo, e de Santa Margarida en Montemaior, en xullo, ademais da feria das Fabas, en outubro, e a festa da Cereixa en Paisaco, en xullo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Bergantiños |
| Extensión | 125 Km2 |
| Poboación Total | 10871 h |
| Poboación Homes | 5305 h |
| Poboación Mulleres | 5566 h |
| Densidade de poboación | 86.97 h/Km2 |