Larouco

Larouco


Concello da comarca de Valdeorras, situado no extremo nororiental da provincia de Ourense e no SL da Comunidade Autónoma de Galicia (42° 20’ 42” N e 7° 09’ 30” O). Limita ao N cos concellos de Quiroga (Quiroga) e A Rúa (Valdeorras), ao S cos concellos de Manzaneda (Terra de Trives) e O Bolo (Valdeorras), ao L con Petín (Valdeorras) e ao O con Quiroga. Abrangue unha superficie de 23,7 km 2 nos que acolle unha poboación de 624 h (2001), distribuída nas parroquias de Freixido, Larouco, Portomourisco e Seadur. A súa capital é Larouco, que dista 93 km de Ourense e 202 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Astorga e ao partidoxudicial da Pobra de Trives.
Xeografía física
A historia xeolóxica do relevo actual de Larouco parte das superficies de aplanamento de lousa e xisto formadas en boa parte de Galicia durante o Secundario e o Terciario, que foron fracturadas e basculadas pola tectónica neoxena-cuaternaria e logo erosionadas pola acción dos importantes ríos que atravesan este territorio: Sil, Bibei e Xares. Froito desta evolución diferéncianse tres unidades do relevo. AO O están os montes das Bacarizas; ao L restos desas superficies de aplanamento nas parroquias de Seadur e Freixido; e, por último, os vales profundamente encaixados dos ríos citados nas parroquias de Larouco e Portomourisco. A serra das Bacarizas pertence aos contrafortes nororientais da serra de Queixa e do macizo de Manzaneda e actúa como divisoria de augas e límite provincial con Lugo. Nela érguense as maiores cotas altitudinais do concello: Eixeiro (861 m), Pendón (730 m), Poulouis (682 m) e O Castro (613 m). Nacen nestes montes toda unha serie de pequenos ríos que drenan as altiplanicies de Seadur e Freixido, que secan na primavera ou comezos do verán, aspecto que introduce matices mediterráneos visibles tamén na vexetación e no clima. A rede fluvial aparece dominada polo Sil ao N, Xares ao SL e Bibei ao SO. Todos eles contan con vales moi encaixados nos que desde a antigüidade se cultivou a vide en socalcos. Estas características do relevo, xunto coa situación interior do concello no extremo SL de Galicia, fan que o seu clima teña un ambiente atmosférico peculiar, de xeito que, aínda que estea dentro do dominio climático oceánico, presenta influencias de matiz mediterráneo. Así, as precipitacións descenden con respecto ao resto de Galicia ata aproximarse ao Limiar do clima oceánico (750 mm). As choivas concéntranse entre novembro e marzo (inverno, 41% das precipitacións; primavera, 23%; outono, 27%), existe unha acusada seca estival (9%) que xera problemas de aridez de xuño a setembro, só aliviada polas relativamente frecuentes tormentas estivais debido ao desenvolvemento de nubes de advección como consecuencia do forte quentamento do solo. O número de xornadas anuais de chuvia é inferior a 100. As temperaturas medias son elevadas (15,6°C), sen descender moito o termómetro no inverno (7,5°C en decembro e xaneiro) e cunhas medias estivais elevadas (máis de 23°C en xullo e agosto). Os matices mediterráneos supoñen a aparición de especies vexetais características dese clima como érbedos (Arbutus unedo(), xaras ((Cistus ladanifer() e sobreiras ((Quercus suber(), xunto con uces ((Erica arborea() e queirugas ((Erica australis(). Son tamén representativos os soutos de castiñeiros ((Castanea sativa() e as formacións de cerquiños ((Quercus pyrenaica(). As oliveiras ((Olea europaea() tamén están presentes, aínda que a penas se emprega xa o seu froito para facer aceite.
Xeografía humana
A poboación de Larouco caracterízase por un descenso continuo dos seus efectivos, xa que desde 1887 (2.001 h), ano do primeiro censo moderno, reduciuse a unha cuarta parte (588 h en 2001). Esta mingua non foi constante nin tivo a mesma intensidade ao longo do s XX. Así, desde esa primeira data e ata 1910 a reducción foi dun 0,95% anual, influenciada pola primeira vaga de emigración ultramarina á que concorreron numerosas persoas do concello diante duns rendementos agrarios que non permitían soster unha poboación cun crecemento vexetativo importante. Durante o período intercensal seguinte (1910-1920) cortáronse as saídas exteriores e viviuse un decenio de forte crecemento demográfico (1,81% anual). A partir dese momento a poboación de Larouco non deixou de descender de xeito continuo, aínda que, entre 1920 e 1940, o fixo a un ritmo pouco acusado (-0,28%), a partir de entón a segunda vaga emigratoria a América e a partir de 1959 cara a Europa, moi intensa no concello, incrementou o ritmo de descenso a -1,20% anual ata 1970, sendo aínda máis negativo desde entón con importantes saídas ao longo da década de 1970 cara a Barcelona. No comezo do s XXI asistese a un lixeiro aumento con 624 h en 2007. O descenso dos últimos anos foi froito do elevadísimo saldo vexetativo negativo (-18,3‰, 2006), derivado dunha natalidade moi cativa (1,8‰) e unha mortalidade moi alta (20,1‰) como consecuencia do extremado avellentamento do colectivo demográfico municipal, xa que o 44,2% dos habitantes ten 65 ou máis anos, mentres que os menores de 20 supoñen tan só o 10,34%; o grupo intermedio representa o 45,5%. O 51,92% da poboación son mulleres (48,07% de homes), froito da súa maior esperanza de vida e dunha menor incidencia da emigración entre elas. O poboamento caracterízase pola concentración da poboación en núcleos agrupados, en aldeas pechadas de gran tamaño.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Larouco é do 37,3% (50,6% a masculina e 25,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 32,3% (44,2% a masculina e 22% a feminina) e a taxa de paro é do 13,5% (12,7% a masculina e 14,9% a feminina). A base produtiva local está baseada no tradicional cultivo da vide, o viño de Larouco inscríbese na Denominación de Orixe Valdeorras. A importancia que acada queda reflectida en que preto do 70% das terras labradas están ocupadas pola vide, ademais existe unha importante cooperativa vinícola de producción e embotellamento. Malia á significación da viticultura o 11,6% dos ocupados se dedican á actividade agraria, feito explicable pola estacionalidade dos traballos na viña, que permiten a moitos dos que as posúen desenvolver outras actividades. Pola súa parte, a industria é pouco significativa (17,9%) e a proximidade de dous centros urbanos importantes como O Barco de Valdeorras e A Rúa propicia que moitos dos empregados nela se despracen a esas localidades, ao igual que os traballadores do sector terciario, amplamente dominante (52%). A construción supón unha significativa fonte de emprego (18,5%). Entre os servizos domina o comercio moi significativo na vila capital, ao igual que as actividades relacionadas coa Administración Pública, a seguridade e a sanidade, fóra deles só a hostalería acada certa significación. No sostemento da economía local teñen moitísima importancia as remesas de cartos que chegan por vía das pensións de xubilación dado o grao de avellentamento acadado. A vía de comunicación principal é a N-120, de Ourense a Ponferrada, e as OU-636 e OU-533.
Historia
A antigüidade do poboamento atópase nos restos castrexos conservados, entre outros o Castro Cabanelas (Seadur), rodeado de murallas cun foso e pechado polo N por un precipio que leva ata o Sil. O topónimo Lauroco pode provir de Laravcos ou Laravcus, divindade prerromana semellante ao Xúpiter romano. En época romana, foi lugar de paso da Vía Nova ou Vía XVIII do Itinerario Antonino que unía Bracara e Astúrica e da que se conserva un tramo, un percorrido en zigzag denominado os Codos de Larouco. Puido ser o lugar de cuñaxe da moeda visigoda de Viterico. As terras do concello pertenceron durante a Idade Media ao condado de Lemos, ao marquesado de Vilafranca e ao condado de Ribadavia. Foi escenario de loitas na Guerra de Independencia onde destacou a batalla na Ponte Bibei e durante as partidas carlistas. No Antigo Réxime exercía a xurisdición sobre Larouco a Encomenda de Quiroga e formaba parte da provincia de Ourense. Co establecemento dos primeiros concellos institucionais creouse o de Freixido, situado nos límites dos actuais concellos de Larouco e Petín. Na división municipal de 1835 creouse o concello de Larouco, formado polas parroquias de Larouco, Seadur e Freixido, ás que se engadiu Portomourisco.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de Larouco e Santa María de Seadur. No ámbito do patrimonio natural sobresaen os Codos de Larouco e o trazado sinuoso que describe a calzada romana escavada na roca na súa meirande parte, entre os concellos da Pobra de Trives, Manzaneda e Larouco. Para salvar o val do Bibei construíuse unha ponte sobre o Sil que data do s II. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Macizo Central, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as de Santa Mariña en Seadur, en xullo, Santa Bárbara en Freixido, en agosto, e Nosa Señora dos Remedios en Larouco, en setembro e Santa Lucía en decembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Valdeorras
Extensión 23 Km2
Poboación Total 624 h
Poboación Homes 300 h
Poboación Mulleres 324 h
Densidade de poboación 27.13 h/Km2

Parroquias

Larouco
Seadur
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias